Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Tribunal Superior de Galicia dálle a razón ó Concello na expropiación da rúa Armórica


# Xoves, 17/03/2011
O Alto tribunal galego nega que o Concello incorrera en desviación de poder e anula a sentenza do Contencioso de Lugo

Imaxe Asociada

O Alcalde pídelle unha rectificación ós que puxeron en entredito a xestión urbanística do Concello e ós funcionarios

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Delegada de Urbanismo, María Novo, deron conta hoxe dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle deu a razón ó Concello de Lugo na expropiación dun terreo da rúa Armórica para abrir un viario público que estaba previsto no Plan Xeral.

O Alto Tribunal galego vén de confirmar a legalidade da actuación do Concello e anula unha sentenza anterior do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo segundo a cal na expropiación se producira unha desviación de poder.

O Alcalde lembrou a súa intervención nunha rolda de prensa o 20 de outubro, na que tamén compareceu coa Delegada de Urbanismo e aínda que “eu non son ningún pitoniso, aquel día dixen que confiamos na Xustiza e temos moi claro que o Tribunal Superior de Xustiza nos vai dar a razón porque os feitos avalan ó Concello e, tal como dixen aquel día, o Tribunal Superior acaba de darnos a razón”.

López Orozco destacou que “esta é a segunda sentenza que nos dá a razón na actuación da rúa Armórica, a Xustiza ampara o convenio urbanístico e tamén ampara as expropiacións”.

“Non atinei no que ía pasar porque teña dotes de vidente, senón porque neste Concello procuramos facer as cousas na defensa do público, respectando as leis e poñendo os intereses xerais da cidade por riba dos intereses particulares”, manifestou o Alcalde.

López Orozco lembrou que “como xa lles dixera naquel momento, xa no ano 1995 o Tribunal Superior ditara unha sentenza no mesmo sentido ante un caso idéntico, na rúa Lopo Lías”.

“Cumpriuse o que lles dixen aquel día: falou o TSXG e danos a razón: o Concello non incurriu en desviación de poder e o Tribunal Superior quitoulle a razón ós agoreiros que aproveitaron daquela para tratar de asustar ós lucenses dicindo que o Concello ía ter cuantiosas perdas económicas”, dixo o Alcalde e engadiu que “algúns aproveitaron para facer un xuízo paralelo en contra de quen lles fala e da Delegada de Urbanismo, agora confío en que teñan a decencia de saír ós medios para recoñecer o seu erro e pedir desculpas ó Goberno local, por poñer en entredito a nosa xestión urbanística, e, sobre todo, ós funcionarios, que, como dixen o 20 de outubro, son uns grans funcionarios porque son coñecedores do seu traballo e da lei”.

“Nós agora, como daquela, seguimos na mesma disposición, traballando con ilusión por Lugo, e facendo as cousas por dereito, en defensa do interese xeral”, dixo o Alcalde e subliñou que iso “é o que recoñece esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza”.

O Alcalde sinalou tamén que a sentenza deixa patente que “non houbo desviación de poder na expropiación que se fixo naquela actuación, defendemos os intereses xerais, seguindo o Plan Xeral de Ordenación Municipal”.

A Delegada de Urbanismo destacou, pola súa parte, que a sentenza “é firme e definitiva”. Tamén explicou que a resolución do Alto Tribunal Galego “deixa claro que o Concello fixo o seu traballo porque o Plan Xeral é vinculante e obrigatorio e nós o que fixemos foi cumprir co Plan Xeral”.

María Novo engadiu que a sentenza tamén deixa en evidencia que “grazas ó convenio urbanístico que se firmou no seu día, o Concello de Lugo é o único beneficiario da expropiación, o Concello lexitimamente está a cumprir co PXOM e conseguiu que, en vez de pagar todos os lucenses a expropiación, a pagara unha empresa, o que supón un aforro para as arcas municipais”.

Barrio da Residencia

O Alcalde tamén considerou que a proposta do PP de trasladar a Comisaría da policía ó edificio do antigo Hospital Xeral non é máis que “outra escapatoria máis do Partido Popular, ten que facer o posible, o señor Delegado da Xunta no Concello de Lugo, para escapar dunha responsabilidade da Xunta e buscan outro tipo de solución que non vai beneficiar ós veciños e vai alongar o problema daquela zona”.

“¿Canta xente vai ir ós comercios, ós restaurantes e ás pensións no caso de que se trasladara para alí a Comisaría?, preguntouse o Alcalde e asegurou que “nós somos firmes no que defendemos e parécenos un xeito de frivolizar un problema que temos na cidade, que tamén se está a producir no Centro da cidade trala marcha do Centro de Especialidades da praza do Ferrol, xa que se cifra nun 30% a diminución da actividade no comercio”.

Para o rexedor municipal, “o Partido Popular ten que centrarse no problema, non buscar escapatorias, Lugo necesita unha residencia para persoas da terceira idade, a Xunta ten alí uns terreos con vocación sociosanitaria e está gozando do usufruto deses terreos”.

Tamén recordou López Orozco que “os veciños están recollendo firmas e contan co amparo do Alcalde, pediremos unha entrevista ó Presidente da Xunta e que sexa el quen decide”.

www.lugo.es/ws/pxom





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova