Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde anuncia que xa non é preciso solicitar licenza municipal para abrir comercios en Lugo


# Venres, 18/03/2011
O Goberno Local propón reducir á metade o importe da taxa por apertura de comercios

Imaxe Asociada
A licenza de apertura sustitúese pola presentación dunha comunicación co que se simplificarán os trámites necesarios para abrir un comercio

É unha das medidas que adopta o Concello en aplicación da Lei de Economía Sostible publicada fai dúas semanas

O Goberno Local tamén prepara un paquete de medidas de aforro enerxético



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe que as persoas interesadas en abrir comercios na cidade xa non necesitan solicitar licenza municipal de apertura. A partir de agora basta a presentación no Concello dunha comunicación previa ou dunha declaración responsable, acompañada da documentación correspondente.

O Goberno local tamén se propón reducir á metade a taxa que teñen que pagar ó Concello os comerciantes para abrir un establecemento. López Orozco anunciou que a proposta plantexarase no vindeiro Pleno que celebrará o Concello de Lugo, o día 4 de abril, porque será necesario modificar os prezos públicos e ordenanzas fiscais.

A proposta de rebaixar ó 50% o importe da taxa obedece tanto á reducción dos trámites burocráticos que terá que facer o Concello como a que o Goberno local considera que suporá un incentivo importante para o comercio local.

O Alcalde fixo este anunciou nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo.

O Concello de Lugo aplica así “nun tempo récord”, dixo o Alcalde, a nova Lei de Economía Sostible, que foi publicada fai quince días, o 5 de marzo. López Orozco considerou que “esta adaptación significa unha auténtica revolución, é un cambio moi importante que esixirá unha grande responsabilidade por parte dos comerciantes e tamén do Concello”.

Os comerciantes poderán abrir novos establecementos “de xeito inmediato logo de presentar a comunicación ó Concello e este terá que facer labores de inspección para comprobar que se cumpre a normativa”.

Para López Orozco “merece a pena dar este paso que vai ter moita incidencia no emprego e no pequeno comercio de Lugo xa que se poderán abrir os negocios de xeito máis áxil ó simplificarse os trámites administrativos”.

A supresión da licenza de apertura só lles afecta a usos estrictamente comerciais e que non sexan para actividades suxeitas a impacto ambiental ou informes de sanidade, de xeito que si terán que pedir a licenza as oficinas, os establecementos nos que manipulan alimentos ou aqueles que traballan con mercancías medioambientalmente perigosas.

Os impresos para comunicar a apertura de novos comercios xa están colgados na páxina web do Concello www.lugo.es.

Aforro enerxético

Ademais da supresión da licenza de apertura para comercios, o Alcalde anunciou hoxe que o Goberno local está a traballar nunha segunda liña de medidas, éstas para aforro enerxético e mobilidade sostible.

A lei de economía sostible establece para o 2016 o obxectivo dun aforro enerxético do 20% pero o Alcalde dixo que “nós non queremos agardar ata 2016, queremos facelo no menor tempo posible”.

De feito, o Concello xa ten creada unha Comisión que estuda un paquete de medidas para aminorar o gasto enerxético. A Comisión ten previsto celebrar unha xuntanza o vindeiro martes, segundo avanzou o Alcalde.

As decisións que tome a Comisión sumaranse ás que xa están en vigor. López Orozco lembrou que o Concello de Lugo xa tomou hai tempo algunhas medidas de mellora da eficiencia enerxética, como a diminución da iluminación ornamental ou a substitución dos 5.500 puntos de luz existentes na zona rural por luminarias de baixo consumo. Tamén ten deseñado un programa de mobilidade que se porá en marcha pasadas as eleccións municipais.




Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova