Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Presidente da Deputación explican os proxectos en materia de emprego que desenvolven en Lugo as dúas institucións


# Venres, 18/03/2011
Case a metade dos parados de Lugo participaron en programas que leva a cabo o Concello con investimentos propios, da Unión Europea e a Deputación

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Concello destina en 2010-11 máis de 5.700.000 euros a programas de emprego

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, explicaron hoxe as actuacións que están a desenvolver Concello e Deputación para paliar o problema do paro na cidade que é, en palabras do Rexedor municipal “o problema máis grave que temos”.

O Alcalde lembrou que “aínda que o Concello non ten competencias en materia de Emprego pensamos que ningunha administración debe desentenderse deste problema que, para nós é o prioritario”.

López Orozco salientou que “dos 8.000 parados rexistrados en Lugo, 3.000 pasaron polo noso Centro de formación” e sinalou que iso demostra que “aínda que ningún problema lle é alleo o Concello, este menos que ningún”. O Alcalde tamén anunciou que está a punto de concluir o programa financiado pola Unión Europea, pero anunciou que o Concello xa traballa no próximo e remarcou que a financiación de Europa só se acada presentando bos proxectos.

O Presidente da Deputación, pola súa parte, destacou que a institución provincial
tamén aposta firmemente polo emprego: “onte inauguramos un parque de bombeiros en Barreiros, que ademáis de prestar un servizo suporá traballo para 150 persoas, o mesmo sucede coa creación de residencias e tamén temos en marcha o Plan Lugo Emprega que dará traballo a 711 persoas da provincia”. Tamén anunciou que a Deputación vai presentar próximamente proxectos á Unión Europea por importe de case 30 millóns de euros.

“Agora non pensamos en grandes infraestruturas, os retos son distintos”, indicou Gómez Besteiro e sinalou que “é responsabilidade das administracións formar mellor ós traballadores e só os que exercen con responsabilidade o goberno buscan fórmulas para xenerar emprego”.

Tralas intervencións do Alcalde e o Presidente da Deputación, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, comentou polo miudo as actuacións en materia de emprego que desenvolve o Concello.

Méndez explicou que o Concello destina en 2010-11 a programas de emprego 5.736.000 euros, dos que a Unión Europea achega 3.846.000 euros, o Concello inviste 1.090.000 euros e a Deputación de Lugo, 800.000 euros.

Os beneficiarios destes programas son 3.033, deles 644 recibiron ademais unha retribución económica durante o programa: 224 a través dun contrato laboral do Concello ou de empresas de Lugo e os outros 420 percibiron bolsas de ata 400 euros.

A Concelleira tamén detallou os servizos e programas de formación que se levan a cabo no Concello de Lugo.

Desde 2008 o Concello dispón dun centro integral de emprego, o Espazo>lab, que o ano pasado tivo 2.255 usuarios.

O Concello de Lugo é o único de Galicia que conta cunha oficina de información europea, Europe Direct que abriu as súas portas en 2009. Está cofinanciada pola Unión Europea e atendeu a 930 usuarios o ano pasado.

Tocante ós programas de formación, Lugo contigo, que se dirixe preferentemente a persoas con discapacidade e no que colaboran asociacións e empresas, tivo 154 participantes, dos que foron contratados 64. O seu orzamento é de 215.000 euros procedentes do Fondo Social Europeo.

O Fondo Social Europeo tamén achegou 655.000 euros para a participación de 33 menores de 25 anos na Escola Obradoiro A memoria da cidade: dixitalización do arquivo documental do Concello.

Outros 544.000 euros procedentes do Fondo Social Europeo adicáronse ó Obradoiro de Emprego Escola rural para a rehabilitación de dúas escolas, no que participaron 21 maiores de 25 anos.

Os Programas de Cooperación deron emprego a 14 parados. O seu orzamento foi de 200.000 euros tamén do Fondo Social Europeo.

A mesma procedencia tiveron os 285.000 euros de Cursos presenciais para desempregados en profesións de futuro ós que asistiron 61 persoas.

120 persoas beneficiaronse das Actividades de información, orientación e busca de emprego.

O Concello tamén ten en marcha Cursos de novas tecnoloxías e busca de emprego, que son gratuítos e ós que asisten 330 persoas.

Outra actividade son os 23 Obradoiros de Orientación laboral en institutos para o alumnado dos centros das Mercedes, San Xillao e A Piringalla.

Tamén se imparten Cursos on line na Aula Mentor, financiada polo Ministerio de Educación, nos que o ano pasado participaron 35 persoas.

O Programa Piles facilitou a contratación de 30 desempregados durante un ano para facer traballos de mantemento en barrios e na zona rural. O seu orzamento é de 590.000 euros que saen das arcas do Concello.

Grazas ós 800.000 euros que achega a Deputación, o Concello porá en marcha o plan Lugo Emprega, que dará traballo durante seis meses a 62 parados.

O Plan Urban, para a revitalización do centro histórico, que financian nun 70% a UE e no 30% o Concello, tamén inclúe accións formativas con prácticas de recuperación de oficios como carpintería e canteiría. Participan nelas 30 persoas que perciben unha beca de asistencia.

O programa Lugo Emprego Activo, para a inserción laboral con prácticas en empresas, permitiu impartir 23 cursos e 140 obradoiros de formación transversal. Os participantes son 1.993 e 390 reciben unha beca pola asistencia ás accións formativas. O seu orzmento é de 2.300.000 euros, o 80% procedente da UE e o 20% restante do Concello.

Ademais, o Espazo>lab colabora co Servicio Público de Emprego coa difusión da web RedTrabaja e charlas informativas dirixidas a 150 persoas sen traballo.

O Concello porá en marcha próximamente o proxecto Muralla Dixital de aplicación das novas tecnoloxías ó turismo e ó patrimonio cultural. Suporá un investimento de 600.000 euros, o 70% procedente de Europa, e o número de participantes será de 30.

Entrega de diplomas

O acto, celebrado no Centro de Convivencia Maruja Mallo, rematou coa entrega de diplomas a 60 persoas que participaron en catro cursos do programa Lugo Emprego Activo. Ademais dos asistentes ós cursos, no acto tamén estiveron presentes representantes sindicais, de empresas e de asociacións que colaboran nos programas de emprego que ten en marcha o Concello de Lugo.

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova