Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación reeditan a gala da moda lucense, que apadriñarán Victorio & Lucchino


# Luns, 21/03/2011


Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo e o Presidente provincial presentaron o desfile, que se celebrará o 7 de abril no Círculo das Artes e estará dedicado na súa segunda edición aos bosques, por ser o Ano Internacional destes espazos naturais

Ademais dos prestixiosos deseñadores sevillanos, participarán outros 6 creadores de moda e 14 artesáns lucenses no evento, que ten fins benéficos

A actriz con raíces lucenses María Castro será a presentadora do espectáculo, no que Lucía Pérez ofrecerá a derradeira actuación antes de partir de xira por Europa


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este luns no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) a Gala Lucus Moda, que, tralo éxito do ano pasado, ambas institucións decidiron reeditar co obxectivo de difundir no exterior o talento creativo dos deseñadores e artesáns lucenses e converterse en punto de atracción de visitantes á cidade. O desfile terá lugar o próximo 7 de abril, a partir das 21:00 horas, no Círculo das Artes da capital, e contará cuns padriños de excepción, os deseñadores sevillanos Victorio & Lucchino, referente indiscutibles no panorama da moda internacional.

O Alcalde destacou que “só a colaboración de institucións, artesáns e modelos permite levar a cabo unha iniciativa como esta para dar a coñecer o traballo dos creadores de moda de Lugo” e sinalou que elo “repercutirá positivamente no negocio da moda e tamén no coñecemento de Lugo e a provincia”.

O Presidente da Deputación explicou que a segunda edición da Gala da Moda é consecuencia do éxito que tivo o ano pasado a que se fixo cadrando co décimo aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial de do 15 aniversario do Centrad e explicou que se pretende se pretende darlle difusión ó labor dos nosos creadores cunha iniciativa que aúna “deseños, cultura e economía”.

Nesta segunda edición, o evento está dedicado ós bosques, por ser o Ano Internacional destes espazos naturais, e contará coa participación de seis deseñadores lucenses (duplicando o número do ano pasado) e 14 artesáns da provincia (dous máis ca no 2010), que mostrarán os seus últimos traballos e incluso creacións especificamente elaboradas para a ocasión. Toda a recadación irá destinada a fins benéficos. As entradas, cun prezo de 15 euros (10 menos que na edición pasada), xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla, no Gabinete de Comunicación da Deputación de Lugo e nos establecementos dos deseñadores participantes. Para máis información, os interesados poden chamar ó teléfono de información cidadá 010 (chamando fóra da capital, 982.297.350).

A actriz, modelo e presentadora con raíces lucenses María Castro, recoñecida en España a raíz do seu papel nas series Sin Tetas no hay paraíso e Terra de Lobos, e que desenvolve numerosos traballos en teatro, será a presentadora da gala, que terá outra protagonista moi destacada, a cantante Lucía Pérez, a primeira artista galega que representa a España no Festival de Eurovisión. A Deputación fará unha homenaxe á cantante do Incio que, despois da gala da moda lucense, iniciará a súa xira europea antes da celebración de Eurovisión na cidade de Düsseldorf, en Alemania.

Os deseñadores participantes son: INPE, Isabel Piñar, Luis Areñas by Manuela López, Manuel Bolaño, Montse Arias, e Sara Lage e Maru Calderón. Con respecto ós artesáns, estarán na evento os seguintes: Cecilia Carballo, Corazones Artesanos, Chica de Canela, Henry Huamán, Idoia Cuesta, María Rodríguez, Miguel Caamaño, Obradoiro, Óscar Rodríguez, Pilar Rodríguez, Ramón Álvarez, Ramón Lleó, Victoria Sancosmed e Vidal Revilla.

Entre outras, as modelos que lucirán os deseños na pasarela serán Sarah López Bujía; Danique Lavodrama, filla do xogador do Breogán e a modelo máis nova que desfilou na Madrid Fashion Week deste ano; Lorena Barreiro, moza Pantenne para a revista Glamour; Raquel quiroga, con orixes en Lugo e concursante no certame Supermodelo 2008; e Míriam Blanco, modelo galega que participou na última edición do reality Supervivientes de Telecinco.

O evento non sería posible sen a colaboración que prestaron de xeito totalmente gratuíto e desinteresado: os alumnos de Perruquería e Maquillaxe do IES da Piringalla, alumnos da Fundación TIC, zapaterías Cuplé, Rochas e Messalina, Hotel Pazo do Sangro, Concesionario Roysán, Comarcal 122, o deseñador Ramón Rebolo, Floristería Fento, Hedonai, spa Dolores Recarey, restaurantes España e Mesón de Alberto, o compositor Arturo Vaquero e zapatería Dick & Paul. Como anécdota, este último establecemento creará un modelo inspirado nos bosques e despois cederao de balde ó CENTRAD.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova