Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Alumnos da Escola Ramón Falcón coñecerán o importante valor da arte como ferramenta educativa en situacións de conflito


# Mércores, 23/03/2011
Asistirán mañá a un obradoiro do director da ONGD Creart e educador artístico social que traballa con rapaces da Faixa de Gaza e do Senegal

O encontro co artista enmárcase na campaña de animación á lectura Contarte, que OQO editora levará a cabo para o Concellería de Educación do Concello

Os alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo poderán asistir mañá xoves, día 24 de marzo, a un encontro teórico-práctico co director da ONGD Creart, Chené Gómez, con quen poderán descubrir a utilidade do traballo artístico e creativo para unha educación en valores en territorios en situación de conflito.

Chené Gómez é presidente da Asociación Creart (con sede en Barcelona), ONGD que traballa para a educación da infancia a través da arte. Alí, realiza tamén un traballo como educador artístico-social de nenos e nenas que viven en situacións difíciles, principalmente na Faixa de Gaza e no Senegal.

O encontro co artista enmárcase na campaña de animación á lectura Contarte, que OQO editora levará a cabo para o Concellería de Educación do Concello de Lugo. A través de obradoiros plástico-literarios, os escolares de Primaria coñecerán outra faciana da arte: un valioso instrumento educativo de gran utilidade na consecución da paz e na transformación de conflitos. É por mediación do traballo artístico que as persoas desenvolven habilidades como a constancia, a creatividade e a autoestima, indispensables para a paz. A arte é unha ferramenta para comprender a realidade, un instrumento que permite examinar e cuestionar os fenómenos que nos rodean e contribuír a construír “visións” e “versións” alternativas non só ante experiencias cotiás, senón tamén fronte a realidades diversas.

Con esta perspectiva desenvolve a súa actividade a ONGD Creart. Nos Territorios Ocupados Palestinos ou en Senegal Creart traballa co obxectivo de que nenos e nenas aprendan diferentes xeitos de expresión, linguaxes e procesos creativos no camiño de fomenta a imaxinación e a autoestima.

Chené Gómez. Director da ONGD Creart

Presidente da Asociación Creart (con sede en Barcelona), ONGD que traballa para a educación da infancia a través da arte. Alí, realiza tamén un traballo como educador artístico-social de nenos e nenas que viven en situacións difíciles, principalmente na Faixa de Gaza e no Senegal. É profesor do Curso de posgrao de Retail Fesign da Escola Superior de Disseny Elisava, en Barcelona e colabora como ilustrador con OQO editora, onde publicou Loboferoz (2006), A viaxe das bolboretas (2006).

Colaborou en diferentes proxectos de deseño como a creación do Museo Marino de Triestre ou a Casa de Acollida Ullrich de Turín. Colaborou na dirección artística da Galería de Arte Contemporánea Domo allery en New Jersey, EEUU. Foi profesor no Master de Arquitectura Creativa da Accademia Italiana di Design en Florencia. Colaborador no deseño e realización do proxecto de decoración mural no Hospital Víctor Babes de Bucarest, Romanía. Dirixiu o departamento de color de “Miguel Saco Restauration”, Nova York e foi xurado en diversas ocasións en Parsons School of Design, Nova York. Ten publicacións na revista de arte contemporánea “Art Notes” e na revista italiana de arte “Etraarte”.

Ten recibido numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo artístico. A súa obra foi exposta en Washington, San Francisco, Florencia, Barcelona, Málaga, Xaén, Córdoba e Granada. Ademais, realizou obradoiros de educación artística en España, Italia, Os Estados Unidos de América, A India, Tailandia, O Senegal, Israel e Os Territorios Ocupados Palestinos.

CREART e OQO editora

Asemade, esta ONGD colabora con OQO editora na colección Qontextos, na que teñen cabida historias que espertan a conciencia crítica dos nenos e nenas, co obxecto de contribuír a educación en valores e convidar á colaboración para mellorar as condicións das poboacións infantís máis desfavorecidas.

Qontextos non esquece en Fume (Antón Fortes & Joanna Concejo) as atrocidades que carrexan as guerras (campos de concentración, éxodos, desprazamentos, xenocidios...) e outros tipos de violencia (física, psicolóxica e sexual) nas que os máis pequenos son vítimas recorrentes. En Caixa de cartón, Txabi Arnal e mais o ilustrador iraniano Hassan Amekan únense para ofrecer unha crónica da inmigración, mais desde un punto de vista moi diferente ao que a diario nos presentan os telexornais e periódicos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova