Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Inversa Teatro representa A Illa das Mulleres Loucas este xoves no Auditorio Gustavo Freire


# Mércores, 23/03/2011
A obra, incluída no programa de Teatro Galego, será mañá xoves 24 de marzo ás 20:30 horas no Auditorio Municipal

Imaxe Asociada
As entradas poden adquirirse unha hora antes da función no Auditorio

Mañá xoves, día 24 de marzo, o Auditorio Gustavo Freire acollerá a segunda das tres obras teatrais que compoñen o programa de Teatro Galego, que se desenvolverá no Auditorio Gustavo Freire.

Inversa Teatro, Compañía galega de recente creación fundada por Marta Pérez, volta de novo ós escenarios coa peza A Illa das Mulleres Loucas, dirixida por Vanesa Sotelo.

A Illa das Mulleres Loucas está baseada na obra homónima de Alfonso Pexegueiro e trátase dun recital dramático onde a linguaxe do corpo (encarnada polas actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo) e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo. Súmase ó elenco o deseño de iluminación creado por Baltasar Patiño e o resultado é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. A Illa das Mulleres Loucas presenta unha muller escindida entre a vida e a morte, entre o primitivo e o civilizado, entre a razón e a paixón, entre a ilusión do futuro e o desengano do pasado. Unha muller coa que se constrúe un canto nacido da liberdade do inconsciente en defensa da vida e da linguaxe.

A Illa das Mulleres Loucas narra a historia dun pobo en exilio no que a linguaxe é a gran protagonista. A illa das mulleres loucas conta a historia dunha illa mítica, da morada do esquecemento ao que hai que regresar e na que a vida -representada pola muller- agarda para partir e crear novos espazos. A Illa das Mulleres Loucas presenta unha muller dividida, unha muller entre a vida e a morte, entre o primitivo e o civilizado, entre a razón e a paixón, entre a ilusión do futuro e o desengano do pasado. O real, o mítico e o imaxinario mestúranse nesta illa onde o tempo desaparece e sitúa a quen a ela se achega diante dun cadro de secuencias de planos ou xeometrías como se dunha construción cubista se tratase. Nese contexto de simultaneidades e sucesións incesantes as voces álzanse para transformar espazos sometidos, xa sexa por correntes de poder e escravitude, cuestións sociais, económicas, políticas e culturais.

A estranxeira, a exiliada, a linguaxe, a vida. En A Illa das Mulleres Loucas todos estes elementos se reúnen nunha única figura subterránea: a Historia; a historia do ser humano que percorre o mundo, os séculos e as épocas na procura do seu espazo de liberdade, de Ser.

As entradas poden adquirirse no Auditorio Municipal os días das funcións unha hora antes do comezo do espectáculo. O importe das entradas será de 7€, prezo único.
Todas as funcións darán comezo ás 20.30 horas.

INVERSA TEATRO

INVERSA Teatro é unha compañía profesional galega fundada e dirixida por Marta Pérez desde o 2009. Inversa teatro fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos: artes escénicas, audiovisual, música e artes gráficas.
INVERSA Teatro aposta por un teatro contemporáneo e de experimentación onde poder levar a cabo textos de dramaturgos galegos contemporáneos. Un dos puntos clave para Inversa Teatro é a súa intención feminista. Non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade.

Neste momento Inversa ten en cartel os espectáculos Expostas,  A illa das mulleres loucas e Kamouraska, nun exemplo de incesante de actividade desta nova Compañía.
Este é o segundo ano que a AGADIC aposta por Inversa e  volveu recibir un apoio económico para a montaxe de Kamouraska, como xa sucedera con Expostas.


Marta Pérez (A Cañiza, 1979)

Actriz e produtora teatral. Fundadora e propietaria da Cía. INVERSA Teatro no 2009 coa que leva tres producións teatrais (Expostas e Kamouraska- das que é co-autora e A Illa das Mulleres Loucas). Estudiou interpretación nas escolas Santart e Espazo Aberto en Santiago de Compostela ademais da licenciatura en Filosofía que posúe. Fundadora e co-propietaria da Compañía de Teatro Arela das Artes desde o 2002 ata o 2007 (inclusive) coa que realizou sete producións profesionais. Amplia e variada formación en diferentes áreas da interpretación (dramaturxia, danza contemporánea, mimo, clown, voz, interpretación audiovisual...) con profesores como Hellen Rowson, Abraham Celaya, Micklos Bacs, Gracia Querejeta, Luis Iglesia, Blanca del Barrio, Cristina Dominguez, Leo Bassi, Cándido Pazó, Héctor Carré, Iván Marcos, Marta Pinillos, Theodor Smeu Stermin, Carmela Bueno... Coa que foi a súa Compañía, Arela das Artes traballou con directores como Charo Amador, Carlos Álvarez-Ossorio, Roberto Cordovani e Charo Pita. Noutras Compañías como Cámara Negra Teatro, Noescafé Teatro (Alt Vigo), Fura dels Baus, Lingoretas ou Raigame Teatro foi dirixida por Lola Correa, Miro Magariños, Carlos Álvarez-Ossorio, Alejandra Juno e Quico Cadaval. No audiovisual fixo dobraxe e radio e ten participado en varias curtametraxes, longametraxes e cine. Os meus últimos traballos neste campo como actriz foron as curtametraxes Maletas de Adrián Figueroa e Ego de Lucía Blanco e as longametraxes fragmentos de Brand de Carlos Álvarez-Ossorio e Rafael de Xabier Bermúdez. Tén experiencia en docencia teatral (impartiu cursos a profesores de secundaria homologados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia) Ademais, impartiu sesións docentes na facultade de Filosofía de Santiago de Compostela Recentemente traballou un curso completo como actriz contratada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad galicia).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova