Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello xa cumpre os requisitos para optar á declaración de Cidade Amiga da Infancia por parte da UNICEF


# Mércores, 23/03/2011
O Alcalde presentou o Plan integral de infancia e adolescencia que é froito dun ano de traballo dos distintos servizos municipais con programas adicados á infancia e á adolescencia

Imaxe Asociada
Co Plan integral e o Pleno infantil Lugo cumpre coas dúas condicións que pon a UNICEF para a declaración de Cidade Amiga da Infancia


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou hoxe o Plan integral de Infancia e Adolescencia, elaborado polos servizos municipais que lle permitirán a Lugo presentar a súa candidatura na vindeira convocatoria de Cidades Amigas da Infancia promovida pola UNICEF.

O Alcalde presentou este documento, que foi elaborado ó longo do ano 2010, nun acto no que estivo acompañado polas Concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e de Educación, Dolores Vieiro.

López Orozco destacou que o Plan integral de Infancia e Adolescencia é o requisito que lle faltaba a Lugo para poder optar á convocatoria de Cidades Amigas da Infancia que fará o ano que vén Unicef, xa que o outro requisito, a existencia de mecanismos de participación infantil na vida da cidade cúmprese co Pleno infantil que xa celebra o seu oitavo aniversario.

O Alcalde manifestou que “algúns descobren a infancia agora, non sei se será porque é época electoral, outros fixémolo fai moito tempo e froito deste traballo feito no último ano é este Plan integral que proximamente aprobaremos na Xunta de Goberno”. Tamén sinalou o Alcalde que logo “enviaremos, como xa fixeron outros Concellos, para recibir ese honroso título que é importante, pero o é máis o traballo que se está a desenvolver en todas as Concellerías pensando nos nenos e nenas porque deles é o presente e o futuro”.

A elaboración do Plan integral de Infancia e Adolescencia foi coordinada desde os Servizos Sociais do Concello e no seu deseño participaron todos os técnicos municipais responsables de programas dirixidos á infancia e adolescencia, en especial os de educación, xuventude, emprego, prevención de drogas, Casa da muller, servizos xeras e deporte.

O Plan, que ten un prazo de execución desde 2011 ata o 2015, comprende actuacións en todas as áreas de goberno e foi redactado cunha perspectiva global, xa que se pretende mellorar a atención da infancia e adolescencia dende todos os ámbitos da competencia local. Para elo estruturouse en 8 áreas: participación e información, familia e protección, educación, ocio e tempo libre, cultura, deporte, urbanismo e medio ambiente, e sanidade e consumo.

Nel márcanse 22 obxectivos e 90 accións, segundo destacou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, quen indicou que se trata dun Plan transversal, no que interveñen distintas Concellerías, e os seus destinatarios sonos menores de 18 anos, pais, titores, asociacións e profesionais que traballan na atención a infancia e adolescencia.

Pola súa parte, a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, indicou que o Concello de Lugo dispón desde 2003 de órganos de representación infantil. O goberno infantil, no que están representados os nenos menores de 12 anos traballa durante todo o ano e mantén reunións mensuais para facerlle achegas ó Alcalde sobre as necesidades que os nenos de Lugo lle plantexan ó Concello. Vieiro sinalou tamén que o Consello Escolar Municipal é outro órgano que canaliza a participación dos nenos e mozos de Lugo, xa que conta con representación de alumnos da ESO e BAC dos IES da cidade.

No Plan Integral da Infancia e Adolescencia fanse constar todos os programas e actuacións desenvolvidas polas distintas áreas municipais e deséñanse distintas accións a levar a cabo nas 8 áreas nas que se divide o plan. Este documento pon de manifesto os numerosos programas e actividades que leva desenvolvendo o Concello dirixidos tanto á infancia e adolescencia. As Áreas que contan con máis programas son as de Benestar Social e Igualdade con 38 programas e actuacións e a Area de Cultura, Turismo e Deportes, en especial, a Concellería de Educación con máis de 26 programas desenvolvidos. Os distintos programas poñen de manifesto que o Concello de Lugo está realizando políticas de infancia para facer efectivos os dereitos da infancia como é o dereito á educación, protección á familia impulsando medidas de conciliación da vida laboral e familiar, dereito de participación e opinión, dereito á saúde e dereito á cultura e ó ocio e tempo libre.

Para a elaboración do Plan Integral da Infancia e Adolescencia tomáronse como referencia os Plans de Infancia aprobados por outras cidades españolas como Avilés, Palencia e Granada.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova