Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Auditorio Gustavo Freire acolleu o debate "Falemos de Drogas" da obra social "La Caixa" no que participaron 340 estudantes de Lugo


# Mércores, 23/03/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo presidiu esta mañá o debate, que se enmarca dentro do programa “Falemos de Drogas”, Premio Raíña Sofía contra as Drogas 2009, é cuxo obxectivo é a prevención do consumo de drogas a través da Ciencia

No debate participaron estudantes do IES Mounte Roso, o IES Lucus Augusti, o Colexio Maria Inmaculada, o Colexio Fingoi, o IES Xoan Montes, o Centro educativo Galen, todos eles de Lugo; o IES Fontem Albei da Fonsagrada e o IES Pedregal de Irimia de Meira

Os 340 estudantes de secundaria traballaron en clase de Ciencias aspectos concretos relacionados coa neurobioloxía da adicción. Durante o debate de hoxe, os mozos trasladaron as súas dúbidas e inquietudes ao Dr. Maldonado. Este é o resultado final despois de dous meses de preparación e de reflexión en clase


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu esta mañá o debate “Falemos de Drogas”, que tivo lugar no Auditorio Gustavo Freire. O acto, cuxo obxectivo é a prevención do consumo de drogas a través do coñecemento e a ciencia, contou coa presenza de Marc Simon, Director da Área de Integración Social da Fundación “La Caixa”, José Jesús Ramos Ledo, Xefe Territorial de Educación, José Manuel Caamaño, Director da Área de Negocio de Lugo, e Rafael Maldonado, Catedrático de Farmacoloxía da Universidade Pompeu Fabra.

Un total de 340 estudantes de Lugo participaron nesta iniciativa enmarcada dentro do programa “Falemos de Drogas”, organizado pola Fundación “La Caixa”. O resultado final foi a recompilación das dúbidas dos adolescentes en materia de drogas que expuxeron, ao Dr. Rafael Maldonado, Catedrático de Farmacoloxía da Universidade Pompeu Fabra e científico de alto nivel na neurobioloxía da adicción.

Deste xeito, os estudantes, pasan de ser meros receptores a partícipes activos dun debate importante, pero dende unha perspectiva diferente: a científica. Trátase dun enfoque pioneiro liderado polo profesorado de bioloxía que pretende a prevención do consumo das drogas nos mozos dende a ciencia. Esta idea fortalece a mensaxe e axuda á comprensión e racionalización do problema das drogas a través de información obxectiva e sen moralismos.



Preparación na aula

Os centros que participaron na iniciativa - o IES Mounte Roso, o IES Lucus Augusti, o Colexio Maria Inmaculada, o Colexio Fingoi, o IES Xoan Montes, o Centro educativo Galen, todos eles de Lugo; o IES Fontem Albei da Fonsagrada e o IES Pedregal de Irimia de Meira - traballaron durante dous meses os materiais educativos “Falemos de drogas” e os profesores participaron da formación específica sobre Neurobioloxía da Adicción, polo propio Dr. Maldonado, polo que durante o debate puideron reflexionar con coñecemento de causa.

O programa educativo “Falemos de drogas” iniciouse en Lugo o pasado 26 de xaneiro cunha sesión de formación para o profesorado de Educación Secundaria, sobre neurobioloxía da adicción e efectos das drogas no cerebro, impartida polo Dr. Maldonado. Nesa sesión, a Fundación “La Caixa” entregou a todos os profesores os materiais educativos do programa de prevención. Así, os profesores puideron contar co “Kit Educativo Falemos de Drogas. Unha realidade que se debe tratar na escola”, da Fundación “La Caixa”, formado por dous CD's e un libro que inclúe información sobre as drogas, as súas consecuencias, como tratar o tema con adolescentes e unha serie de propostas de actividades en clase co fin de fomentar unha actitude crítica do alumnado cara ao consumo de drogas.

Por outra parte, tamén se entregou as tres unidades didácticas de neurobioloxía da adicción do programa, nas que se ofrecen recursos educativos para traballar a prevención do consumo de drogas dentro do currículo educativo da Educación Secundaria Obrigatoria. Nestas unidades trabállanse tres aspectos: os efectos das drogas no cerebro, no corpo e no comportamento. A partir de aquí, profesorado e alumnos analizaron en clase as consecuencias das substancias tóxicas sobre o sistema nervioso e preparáronse as preguntas para o debate de hoxe. Por último, tamén se facilitou material específico e concreto do Instituto de Investigación sobre Drogas de Abuso de Estados Unidos (NIDA) e do Plan Nacional Sobre Drogas del Ministerio de Sanidad e Política Social.

Formando parte das actividades programadas de preparación ao debate, tanto estudantes coma profesores, visitaron a exposición “Falemos de Drogas” en Lugo.

Resultado final: O Debate

É certo que perdemos neuronas cando consumimos drogas? As adiccións son hereditarias? A marihuana causa dano cerebral? Son algunhas das moitas preguntas que os estudantes lanzaron ao Dr. Maldonado, quen respondeu reflexionado e desmentindo algúns mitos sobre o mundo das drogas. As respostas do profesor Maldonado puxeron de manifesto feitos tan reveladores como que a adicción ás drogas é unha enfermidade e que nunca sabemos como vai reaccionar a elas o noso cerebro e o noso corpo; que as substancias tóxicas activan o sistema do pracer do cerebro, non as súas capacidades; que as relacións sociais poden aumentar o risco, pero tamén o poden previr; e que canto máis mozo deixa de tomar drogas, máis capacidade ten o cerebro de recuperarse.



Dr. Rafael Maldonado

Nacido en Cádiz, Rafael Maldonado estudiou Medicina na capital gaditana, onde se licenciou en 1985 coa máxima cualificación. Tras publicar, tamén en Cádiz, a súa tese doutoral sobre farmacoloxía, proseguiu coas súas investigacións na Universidade René Descartes de París e na Scripps Clinic de California. En 1991 logrou, por oposición, praza de funcionario no Instituto Nacional de Investigación sobre a Saúde de Francia.

Pero a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona ofreceulle, en 1998, a posibilidade de dirixir un grupo de investigación en España. Dende entón é catedrático de Farmacoloxía na Facultade de Ciencias da Saúde e da Vida, onde dirixe a Unidade de Neurofarmacología.

Conferenciante habitual nas principais universidades e organismos investigadores do mundo, Maldonado conta con xa varios premios no seu haber.

No 2009 foille outorgado o premio ICREA, da Institución Catalana de Investigación e Estudos avanzados, pola súa investigación sobre os mecanismos de adicción das diferentes substancias, valorando a excelencia investigadora e a capacidade de liderazgo.

A última investigación afrontada polo grupo que dirixe na Universidade catalana está relacionada coa adicción á nicotina, un proxecto subvencionado polo Instituto Nacional para a Loita contra a Droga de Estados Unidos, un organismo tamén dependente do Instituto de Saúde daquel país.


www.lugo.es/prevenciondrogas

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova