Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Director territorial de Novacaixagalicia asinan o convenio para poñer en funcionamento a tarxeta cidadá


# Xoves, 24/03/2011
A tarxeta Estará operativa en abril e no primeiro momento servirá para pagar o bus, a ORA e nas instalacións deportivas do Concello

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director territorial de Novacaixagalicia para Lugo e Asturias, Walter Álvarez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a posta en marcha en funcionamento da tarxeta cidadá. O acto celebrouse esta mañá no Concello e tamén estivo presente nel a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, responsable da creación da tarxeta.

O Alcalde explicou que se trata dun convenio “mediante o que Novacaixagalicia vai ser o operador que xestione a nosa tarxeta cidadá”. Tamén explicou que “a tarxeta pódese solicitar e utilizar desde o 1 de abril e no primeiro momento poderá empregarse para pagar o transporte público de Lugo, o servizo da ORA e os servizos deportivos do Concello, ós que se irán incorporando paulatinamente novos servizos”.

López Orozco asegurou que a entrada en servizo da tarxeta cidadá “é un importante avance, que supón unha modernización e posta ó día da cidade” e agradeceu o apoio de Novacaixagalicia a esta iniciativa xa que dixo que “desde o primeiro momento traballaron con nós”. Tamén destacou o Alcalde o labor realizado pola Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, para facer posible a creación da tarxeta cidadá.

O Director territorial de Novacaixagalicia, pola súa parte, sinalou que a súa entidade “unha vez máis convértese nun axente activo da cidade e de Galicia participando en proxectos modernizadores” e sinalou que a tarxeta “tamén vai estar preparada para funcionar co futuro transporte metropolitano cando sexa operativo”. Walter Álvarez sinalou, ademais, que esta colaboración “enmárcase nun acordo que xa ten máis de dez anos para xestionar a tarxeta do bus que, na actualidade, supera os 30.000 usuarios” e explicou que a súa entidade xa ten experiencia noutros proxectos de tarxeta de transporte implantados nas cidades da Coruña, Vigo, Santiago e Ourense.

O saldo das tarxetas do bus poderase pasar á nova tarxeta cidadá acudindo a unha oficina de Novacaixagalicia e seguirá operativa durante un período transitorio. O custe da tarxeta cidadá será de 3 euros e poderase recargar en caixeiros e oficinas da entidade.

O convenio que asinaron hoxe o Alcalde e o Director territorial de Novacaixagalicia sinala que a tarxeta cidadá servirá como medio de pagamento nos autobuses municipais de Lugo e será, ademais, compatible e interoperable para o transporte metropolitano de Galicia. Así mesmo, contará con outro moedeiro dentro do chip da tarxeta para que os usuarios a poidan empregar noutros servizos municipais, o que suporá unha maior comodidade e facilidade para acceder ós devanditos servizos municipais.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova