Neste proxecto participan as tres Universidades galegas, a Fundación CEL, a Tecnópole de Ourense e o Concello de Lugo
O Alcalde, José López Orozco, participou hoxe no acto de clausura da Semana do Emprendemento que tivo lugar no CEI-Nodus, onde se desenvolveu a última xornada desta semana que organizou a Rede Mercurio para divulgar e fomentar o espírito emprendedor en Lugo.
O Alcalde destacou que a celebración desta Semana do Emprendemento é unha mostra de como se pode “traballar en rede para aproveitar sinerxias” e indicou que esta é a aposta que fai o Concello de Lugo, porque “considera necesario cooperar para fomentar o espírito emprendedor e a creación de empresas en Lugo co fin de facerlle fronte ó grave problema do paro”.
López Orozco puxo como exemplo desa colaboración a participación do Concello de Lugo, o primeiro de Galicia, nun proxecto para constituir unha Rede de incubadoras de empresas tecnolóxicas e innovadoras que foi presentado esta mesma mañá na derradeira xornada da Semana do Emprendemento.
Trátase do proxecto INCUBA.T.NET no que participan as tres universidades de Galicia, a Fundación CEL, a Tecnópole de Ourense, e o Concello de Lugo, a través do CEI-NODUS. Na presentación do proxecto interviron técnicos da Universidade da Coruña, da Fundación Universidade Empresa, da CEL, a USC, a Tecnópole e o director do proxecto.
No acto de clausura tamén tomaron parte a Deputada provincial Regina Polín, a Vicerreitora adxunta para estudos de grao e postgrao, María Isabel González Rey, e a Vicepresidenta segunda de Cogami, Mónica Álvarez.
A derradeira xornada da Semana do Emprendemento comezara cunha conferencia sobre o Plan Europeo Innovación: Estratexia Europea 2010-2020, que pronunciou o Subdirector general de Transferencia y Valorización del Conocimiento, José Luis Pérez Salinas. O programa da Semana do Emprendemento incluiu actos organizados pola Asociación de Jóvenes Empresarios, a Asociación de Mulleres Empresarias, a Universidade, a Deputación provincial, a Cámara de Comercio e o Concello de Lugo.