Imprimir

A SEGURIDADE SOCIAL CÉDELLE UNHA PARCELA Ó CONCELLO PARA DAR ACCESO Ó PASEO INTERIOR DA MURALLA NA ZONA DE SAN MARCOS


28/3/2011 O Alcalde e o Director Provincial da Tesorería Xeneral da Seguridade Social asinaron hoxe o convenio que regula esta cesión

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director Provincial do INSS e a Tesorería Xeneral da Seguridade Social, Juan Carlos González Santín, asinaron hoxe un convenio que supón un novo paso na creación do paseo interior da Muralla.

O convenio é para a cesión de uso dun terreo de 105 metros cadrados, que é propiedade da Tesorería General da Seguridade Social e está situado na parcela na que está construído o Centro de Saude da praza do Ferrol.

Trala sinatura do acordo, o Alcalde agradecéulle ó Director Provincial do INSS e da Tesorería da Seguridade Social as xestións que fixo para que “os lucenses disfrutemos do paseo interior da Muralla ó facilitar con este acordo o accesos xardíns da Deputación provincial”.

López Orozco indicou que este acordo entre institucións pode servir de exemplo para que os propietarios de terreos situados ó pé da Muralla se animen a acollerse á liña de subvencións por importe de 500.000 euros que vén de poñer en marcha o Concello para acondicionar o interior da Muralla e tratar de aumentar os treitos de paseo que xa están abertos.

Pola súa parte, Juan Carlos Santín asegurou que se trata dunha nova colaboración entre as dúas institucións e indicou que “é un placer colaborar para facer unha cidade cada vez máis habitable”. Tamén explicou que se trata dunha cesión de uso gratuíta.

O convenio establece que a cesión de uso non afectará á propiedade e que a actuación que realizará o Concello consistirá na demolición do peche actual e o axardinamento da zona, a base de plantas e cubos de granito, tal como se vai facer no espazo libre da parcela colindante adicada a vivendas.