Cargando....
Concello de Lugo
20/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentados os estudos realizados polo Pacto polo Emprego de Lugo


# Martes, 29/03/2011
Un dos estudos analizou as ofertas de traballo nos 38 concellos que abrangue o Pacto polo Emprego

Imaxe Asociada

O 69% das ofertas de emprego son para traballadores con experiencia e o 30% non piden estudos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu esta mañá o acto de presentación de tres estudos realizados polo Pacto polo Emprego de Lugo que correu a cargo do director do equipo técnico que os elaborou, Iván González, e no que tamén interviron os secretarios comarcais dos sindicatos UGT, Angel Tomé, e Comisións Obreiras, Jesús Castro.

O Alcalde salientou o labor desenvolvido polo Pacto polo Emprego de Lugo, que abrangue 38 concellos de sete comarcas do interior da provincia e agradeceu o traballo que levou a cabo o equipo que redactou estes estudos.

Os dirixentes de UGT e CCOO coincidiron en lamentar a falta de apoio da Xunta ós Pactos Territoriais polo Emprego, desque goberna o Partido Popular. Tanto Angel Tomé como Jesús Castro lembraron que esta iniciativa naceu, froito do diálogo social, co anterior Goberno galego, a partir dunha iniciativa da Unión Europea que aconsella a descentralización das políticas activas de emprego e a coordinación de administracións e axentes sociais para desenvolvelas en cada territorio. Por este motivo, os sindicalistas consideran “necesario seguir por este camiño para mellorar a eficacia das políticas activas de emprego” e consideraron que “neste tempo realizouse un traballo positivo de entendemento dos axentes sociais e as administracións locais”. Ademais dixeron que ese avance se truncou pola falta de apoio do actual Goberno galego que “desde decembro non deu máis que palabras e leva meses sen dar apoio nin directrices de traballo”.

Un dos estudos presentados hoxe é un Plan de Emprego, que inclúe un análise da situación demográfica e da composición e características do tecido demográfico, dos traballadores tanto ocupados como desempregados, dos recursos infrautilizados, un mapa de recursos en materia de políticas activas de emprego e unha avaliación das infraestruturas, entre outros aspectos.

Tamén se elaborou un Manual para emprendedores que inclúe información para futuros emprendedores desde que trámites hai que facer para a creación de empresas, cómo se elabora un plan de empresa ou que forma xurídica escoller.

E o terceiro estudo é un Observatorio dos Portais de emprego a través da internet. Nel estudaronse 311 ofertas de emprego de nove portais, dous públicos e sete privados.

Segundo explicou Iván González, as principais conclusións que se tiran deste informe son que o 69% das ofertas son para traballadores con experiencia previa, o 23% para persoas cunha experiencia de máis de dous anos, e que o 30% das ofertas non establecen ningún requisito referido a nivel de estudos, en tanto que o 12% piden ter a FP e o 8% esixen ter estudos de grao medio ou unha licenciatura. Ademais, o 23% das ofertas de traballo son para empregos de comerciais e o 15% para operarios, peóns e oficiais. Tocante ós sectores, o 73% das ofertas de traballo fainas o sector servizos e o 17% a industria. Outra conclusión relevante é o gran peso que ten nas sete comarcas o traballo temporal, que afecta sobre todo ás mulleres.

O director do equipo técnico do Pacto Territorial polo Emprego de Lugo tamén salientou que os sectores con máis oferta de traballo son os relacionados con servizos da vida cotidiá, as novas tecnoloxías, o comercio de proximidade, os relacionados co ocio, turismo, medio ambiente e deporte.

Todos os estudos están publicados na páxina web do Concello de Lugo www.lugo.es.

Máis información: Estudos realizados UPD Pacto por Lugo

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova