Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Este sábado disputarase a IX edición do Trofeo El Progreso-Cidade de Lugo de Deporte de Orientación


# Mércores, 30/03/2011
A proba terá lugar o sábado día 2 de abril con saída e chegada no Colexio Galén

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concelleiro anunciou que a Corporación Municipal decidiu homenaxear a figura de Daniel Cordido poñendo o seu nome ao Polideportivo de A Piringalla

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, xunto con Luis Barrio, en representación de El Progreso, Eugenio Rodríguez, responsable da sección de deporte de orientación do Club Fluvial de Lugo, e Eduardo Núñez Torrón, Presidente do Club Fluvial de Lugo, presentaron hoxe a IX edición do Trofeo El Progreso-Cidade de Lugo de deporte de orientación, que terá lugar o vindeiro sábado día 2 de abril.

A proba, que será puntuable para os federados e puntuable para a Liga Galega 2011, comezará as 9.00 horas no Colexio Galén coa distribución dos dorsais. A saída dos primeiros corredores está prevista para as 10.30 horas e a entrega de trofeos, sorteos e clausura terán lugar a partir das 13.30 horas.

O Concelleiro de Deportes salientou que o deporte de orientación xa non é un deporte minoritario, xa que conta coa súa federación e ademais é unha actividade que gaña afección na cidade de Lugo.

A novidade de este ano é o sistema de control nos percorridos, que realizarase a través de control electrónico, o que segundo destacou Eugenio Rodríguez supón un gran avance tecnolóxico. O responsable de deporte de orientación do Club Fluvial tamén sinalou a gran aceptación e progresión deste deporte e deste trofeo, que na súa primeira edición contou con 150 participantes e nesta novena terá máis de 350 participantes de 14 clubs de toda a comunidade galega.

A proba contempla dúas categorías, unha con licenza federativa e outra sen licenza; neste caso pódese optar pola iniciación curta (P1) ou iniciación longa (P3).

Percorridos:

Percorrido 1: Aproximadamente 2.500 metros; 10 controis
Percorrido 2: Aproximadamente 3.500 metros; 12 controis
Percorrido 3: Aproximadamente 3.500 metros; 12 controis
Percorrido 4: Aproximadamente 4.000 metros; 14 controis
Percorrido 5: Aproximadamente 5.000 metros; 15 controis
Percorrido 6: Aproximadamente 5.500 metros; 17 controis
Percorrido 7: Aproximadamente 6.500 metros; 20 controis

A zona de competición está situada a 2 quilómetros de Lugo, por encima da estación potabilizadora de auga do río Miño, coa zona de concentración no Colexio Galén. Estará sinalizado o seu acceso dende a N-VI e dende a estrada Lugo-Ombreiro.

Entregarase trofeo ós tres primeiros clasificados en categorías de federados.
Un lacón (Lacón Galego, Indicación Xeográfica Protexida), ós primeiros clasificados do P7 e do P6, e ás primeiras clasificadas do P6 e do P5, e tamén se fará entrega de camisetas conmemorativas.

Entre tódolos participantes sortearanse ó finalizar a entrega de trofeos unha estancia con circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Río Pambre, dous lacóns, dous polos do 75 aniversario do Club Fluvial de Lugo e tres bonos por 4 sesións de SPA.

Daniel Cordido Castro

O Concelleiro de Deportes anunciou que a Corporación Municipal, de forma consensuada, acordou nomear ao Polideportivo de A Piringalla como Daniel Cordido.

José Manuel Díaz Grandío destacou a importante labor desenvolta por Daniel Cordido, que “adicou toda a súa vida a potenciar o deporte dende a base”. O Concelleiro explicou que o longo do mes de abril procederase a facer efectivo este cambio, que quedará reflexado cunha praca.

Daniel Cordido Castro naceu en Lugo o 11 de novembro de 1950 e finou nesta mesma cidade o 2 de setembro de 2009, ós 57 anos de idade. Orfo de pais dende moi novo, toda a súa vida residiu na rúa 18 de Xullo, no barrio de A Milagrosa.

Cursou estudos na antiga Escola de Maestría Industrial, onde obtivo o título de oficial industrial e mestre industrial electricista. Desenvolveu a súa actividade profesional nas empresas Electricidad Luis Barrio, fábrica de conservas vexetais SOCOVESA, Chocolates Carmiña e Cafés Las Delicias ata que, na calidade de funcionario da Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo, responsabilizouse, durante máis de 20 anos, dos servizos de mantemento deste organismo.

A súa faceta de deportista abarcou numerosas disciplinas, non só como practicante senón tamén como adestrador, xuíz e directivo, sempre dun xeito completamente desinteresado e altruísta. Practicou atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol e voleibol, en competicións federadas, ademais do ciclismo, actividade esta que o levou a facer o Camiño de Santiago en bicicleta, polo cal foi recompensado co premio Xacobeo 1992. Estaba en posesión das titulacións oficiais de adestrador nacional de baloncesto e balonmán, de instrutor xuvenil de fútbol e de árbitro de voleibol.

Foi un dos fundadores da sección de baloncesto da SCD Milagrosa, da que tamén foi o seu primeiro adestrador. Da man de Daniel Cordido iniciaron ou completaron a súa formación, en distintas épocas, numerosas figuras do baloncesto provincial, galego e nacional, como o xogador internacional Manel Sánchez, o adestrador Juan Corral e os xogadores Manolito Díaz e Carlos Devesa, entre outros.

Daniel Cordido foi asemesmo cofundador da Unión Deportiva Lucense de Balonmán (antes Unión Deportiva Chanca), club do que tamén foi adestrador e co que acadou o ascenso á categoría nacional.

Os múltiples servizos de Daniel Cordido ó deporte complétanse coa súa faceta de informador deportivo, a cal o levou a colaborar en diversos medios, dende o xornal El Progreso ata a axencia EFE e o diario ABC. En todos eles ten publicadas numerosas crónicas, reportaxes e entrevistas, xa foran de fútbol como de baloncesto, balonmán e outros deportes.

Na memoria de todos os lucenses, a figura de Daniel Cordido está presente nos só pola súa significación deportiva, senón tamén pola súa humanidade, xenerosidade e hombría de ben, virtudes que sempre constituíron o verdadeiro guieiro da súa conduta e que tratou de inculcar a cantos rapaces se iniciaron da súa man no deporte.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova