Imprimir

O PROGRAMA "PRETO DE TI" DESENVOLVERÁ ONCE ACTIVIDADES COMO OBRADOIROS OU CHARLAS INFORMATIVAS ENTRE O MES DE ABRIL E XUÑO


31/3/2011 A terceira parte deste programa, desenvolto dende a Casa da Muller, recolle ata once actividades como obradoiros, cursos e charlas informativas

O Auditorio Gustavo Freire acollerá mañá a representación teatral “Homes en escabeche” a cargo de Hipócrita Teatro e incluída no programa do Día Internacional das Mulleres

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, xunto coa Presidenta da Asociación ACADAR, Mónica Álvarez San Primitivo, María José García, de Hipócrita Teatro e Rafael Veiga, coordinador de Taller de Solidariedade en Lugo, presentaron esta mañá unha nova edición do programa desenvolto dende a Casa da Muller, “Preto de ti” e tamén falaron da obra teatral “Homes en escabeche”, que se representará mañá no Auditorio Gustavo Freire, e que está incluída no programa de actividades do Día Internacional das Mulleres.

Con esta terceira parte do programa “Preto de ti”, e segundo destacou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, preténdese facer extensivas as actividades ao movemento asociativo en xeral como motor da participación, integración e implicación da cidadanía a todos os niveis, así como instrumento de transmisión de valores, entre os que debe incluírse a loita pola igualdade entre homes e mulleres.

A Presidenta da Asociación ACADAR agradeceu ao Concello a súa participación no proxecto, e sinalou que “este e un programa completo e dirixido a toda a poboación”. Mónica Álvarez destacou que o programa ten tres obxectivos principais: fomentar a participación, integración e implicación da cidadanía, establecer redes de colaboración entre o movemento asociativo, a administración e a poboación en xeral e promover a igualdade entre homes e mulleres a través de programas en materias de igualdade.

As once actividades programadas, de carácter gratuíto e sen inscrición previa, darán comezo no mes de abril e prolongaranse ata o mes de xuño.

Programación “Preto de ti”

- Obradorio Formativo “Xestión de subvencións: elaboración de proxectos e memorias”.
Impartido por María Jesús Pérez, licenciada en dereito.
Data e lugar: martes, día 5 de abril, de 10.30 a 12.30 horas no Centro Maruja Mallo.

- Obradoiro Formativo “Taller de medios de comunicación para organizacións”.
Impartido por Cris Pet Cando, licenciada en Xornalismo.
Data e lugar: xoves, día 14 de abril, de 10.30 a 12.30 horas no Centro Maruja Mallo.

- Charla Informativa “Lexislación en materia de corresponsabilidade”.
Impartido por María Jesús Pérez Piñeiro, licenciada en dereito.
Data e lugar: martes, día 26 de abril, ás 19.30 horas no Centro Maruja Mallo.

- Charla Informativa “Autoemprego feminino: axudas, procura de financiamento e plan de empresas.
Impartido por Francisco Javier Alonso Núñez, licenciado en económicas.
Data e lugar: martes, día 3 de maio, de 11.00 a 13.00 horas na Aula do CEI-NODUS.

- Curso de Formación sobre violencia de xénero.
Impartido por María José Castro Álvarez, traballadora social da Casa da Muller e Hadriana Ordóñez Otero, licenciada en psicoloxía.
Data e lugar: venres, día 6 de maio, de 10.30 a 12.30 horas no Centro Maruja Mallo.

- Charla Informativa “Creación de asociacións, planificación e participación”.
Impartido por Ignacio Rodríguez Sáez, licenciado en dereito.
Data e lugar: xoves, día 12 de maio, ás 10.30 horas no Centro Maruja Mallo.

- Obradoiro “As redes sociais no fomento da igualdade”.
Impartido por Hadriana Ordóñez Otero, licenciada en psicoloxía.
Data e lugar: xoves, día 19 de maio, ás 19.00 horas no Centro de Dinamización, na antiga Escola de Calde.

- Charla Informativa “Sensibilización en materia de igualdade: perspectiva de xénero na linguaxe”.
Impartido por María Belén Regueiro Burgo, pedagoga da Casa da Muller.
Data e lugar: xoves, día 26 de maio, de 11.00 a 13.00 horas no Centro Maruja Mallo.

- Obradoiro de autoestima e crecemento persoal.
Impartido por Amaya Prado López, psicóloga.
Data e lugar: xoves, día 2 de xuño, ás 12.00 horas no Centro Maruja Mallo.

- Obradoiro de corresponsabilidade “Uso de tempo e do espazo. As relacións na convivencia. Modelos de socialización”.
Impartido por Juana María Tubío Ordóñez, traballadora social.
Data e lugar: xoves, día 9 de xuño, de 10.00 a 12.00 horas no Centro Maruja Mallo.

- Construíndo redes “Tardes para o debate” (espazo de reflexión sobre temas e problemáticas de interese común para a poboación en xeral, e para as mulleres en particular: saúde, historia, feminismo, actualidade….).
Impartido por Mónica Álvarez San Primitivo, Presidenta da Asociación ACADAR.
Data e lugar: os xoves, 26 de maio, 16 de xuño e 23 de xuño de 18.00 a 20.00 horas no Centro de Convivencia Maruja Mallo.

Descarga ó Programa Preto de tí.


“Homes en escabeche” de Hipócrita Teatro

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, xunto María José García, de Hipócrita Teatro e Rafael Veiga, coordinador de Taller de Solidariedade en Lugo, tamén falaron da representación teatral da obra “Homes en escabeche” que terá lugar mañá venres, día 1 de abril e a partir das 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire.

Rafael Veiga agradeceu ao Concello a súa colaboración nesta iniciativa, e sinalou que a maior parte da recadación da venda de entradas destinarase ao proxecto solidario: Construción do local e equipamento dun obradoiro para mulleres en Mandaluyong (Filipinas), un taller de emprego que da traballo a máis de 200 mulleres.

Pola súa banda, María José García destacou que a obra “Homes en escabeche” é unha crítica feita con humor intelixente a un determinado modelo masculino, e sinalou que a obra é ante todo unha comedia.

As entradas poden mercarse en Arco Iris Musical, Taller de Solidariedade e A Cova da Terra a un prezo de 10 euros. Esta representación teatral está incluída nas actividades do programa do Día Internacional das Mulleres.

Sinopse

Alicia, que non está precisamente no país das marabillas, pásase a vida buscando un grande amor, o único, o definitivo, “ese home que poida conservar en escabeche para sempre”. Pero a súa busca está marcada pola desinformación sobre o sexo e as relacións e repleta de tabús.

En ton de comedia, fai o reconto dos seus amores e desamores, dende a súa infancia ata a madureza, e a través deste aborda temas como a incomunicación na familia e as diferenzas na educación que reciben homes e mulleres.

Máis información:

Web da Casa da Muller