Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta atrasa os investimentos comprometidos no Plan Paradai


# Mércores, 30/03/2011
O Concello expresou o seu malestar por este retraso na execución dos compromisos da Xunta para executar as infraestruturas na zona na Comisión do Plan

A Xunta de Goberno Local aprobou contratar as obras de accesibilidade en oito rúas, adicar 60.000 euros a desbrozar 233 quilómetros de pistas de dezanove parroquias e a licenza para restaurar a Capela maior da Catedral

A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe unha addenda ó convenio coa Xunta de Galicia para executar o Plan Paradai. Esta addenda supón a modificación dos compromisos que asumira o Goberno galego e o prazo de vixencia do convenio.

Con este cambio, o compromiso da Xunta de financiar as obras de infraestrutura viaria previstos no Plan Paradai con ata un máximo de 9.690.695 euros dos seus orzamentos xerais queda deste xeito:
2010: 0 euros
2011: 500.000 euros
2012: 1.700.000 euros
2013: 2.500.000 euros
2014: 4.990.695 euros

O Voceiro do Goberno Local, José Rábade, que deu conta dos acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno Local, explicou que o Concello xa expuxo o seu malestar por este atraso e o cambio nas anualidades dos investimentos na Comisión do Plan Paradai. Tamén indicou Rábade que “os únicos investimentos fixéronse co anterior Goberno galego” e destacou que “o maior investimento previsto queda para o ano 2014”. O Voceiro do Goberno local tamén declarou, á vista deste atraso na execución do Plan Paradai, que “cada un é responsable dos seus actos”.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén abrir o procedemento de adxudicación para contratar as obras da terceira fase do plan de accesibilidade que afectarán a oito rúas do centro de Lugo. Trátase de facer obras de accesibilidade en viario nas rúas Montevideo, Bolaño Ribadeneira, Quiroga Ballesteros, Amor Meilán, Praza do Ferrol, Praza de Santo Domingo, Rúa do Teatro e cruce da Ronda da Muralla co Camiño Real. O orzamento máximo de licitación ascende á cantidade de 115.830 euros e as obras terán un prazo máximo de execución de cinco meses.

Ademais, na reunión que celebrou hoxe a Xunta de Goberno Local deuse conta dunha modificación no Orzamento xeral de 2011 mediante transferencia de crédito por importe de 60.000 euros para levar a cabo traballos de desbroce en dezanove parroquias do Concello. Por mor da gran extensión que é preciso desbrozar (aproximadamente 233,20 quilómetros por ambas marxes) e tendo en conta o estado de invasión da vexetación das pistas de titularidade municipal, así como a obriga de mantemento e conservación das pistas e das condicións de seguridade vial, resulta necesaria esta contratación de traballos de desbroce que se farán en diversas pistas pertencentes ás parroquias de Calde, Piugos, Torible, Adai, Soñar, Coeses, Saa, Monte de Meda, Lamas, Fixós, Meilán, Pías, Benade, Rubiás, Castelo, San Salvador de Outeiro, Ombreiro, Cuiña e Castro. Estímase un prezo máximo do contrato de 59.067 euros e un prazo de execución dos traballos de dous meses.

Outra modificación orzamentaria aprobada hoxe, por importe de 9.000 euros, é para a concesión dunha subvención á Cruz Vermella para o proxecto 2011 de atención ó colectivo de transeúntes e persoas sen fogar que desenvolve a devandita entidade en Lugo.

Tamén en asuntos sociais, a Xunta de Goberno Local acordou prorrogar o contrato coa empresa Abrite para quince prazas de atención diúrna a persoas maiores dependentes. A prórroga é por un ano e o gasto previsto é de 126.800 euros, Ive incluído.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licenza para restaurar a Capela maior e o transepto da Catedral de Lugo. O presuposto de execución desta obra é de 102.980 euros e o prazo de finalización de 24 meses.


Peche e ruídos en locais de ocio

O Voceiro do Goberno local tamén deu conta das actuacións que leva a cabo a Policía Local no control de establecementos nocturnos de ocio e considerou que “para o Delegado da Xunta no Concello de Lugo, Orozco sempre ten culpa de todo, pero a Policía Local está cumprindo a súa función e tamén me gustaría que se producira o mesmo cumprimento por parte da Xunta”.

José Rábade recordou que é a Xunta a administración que ten competencias en establecer os horarios de peche dos locais de ocio e tamén é a responsable de impoñer sancións nesta materia.

O Concelleiro lembrou que o 30 de xullo de 2009 o Concello remitiulle unha carta á Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sobre as queixas veciñais respecto ós horarios de peche dos locais de ocio, na que se lle comunicaba que no primeiro semestre dese ano producíranse 138 denuncias e que había 42 locais que incumprían reiteradamente os horarios de peche. Como non houbo resposta a esa primeira carta, un ano despois, o 1 de xullo de 2010 remitiuse o mesmo escrito con 58 denuncias máis por locais que incumprían o horario de peche e tampouco houbo contestación oficial. “O único que soubemos foi que o mércores 26 de maio de 2010 o Diario Oficial de Galicia publicou dúas sancións, una por importe de 90 euros”, explicou Rábade.

Nas intervencións da Policía Local que deu a coñecer o Concelleiro constan 124 denuncias por non cumprir os horarios de peche durante o ano 2010.

Ademais, por ruídos foron feitas 49 denuncias a 37 locais no ano 2010, un dos cales foi cerrado por este motivo e outras 6 ó mesmo número de locais no que vai de 2011.


Oposicións

O Voceiro do Goberno Local e Concelleiro de Persoal tamén se referiu ás oposición de auxiliares administrativos nas que presentaron recurso dous opositores que non superaron o primeiro exame. Rábade explicou que “o Concello de Lugo fai algo que debera ser ordinario, respectar os dereitos tanto das persoas aprobadas como das suspensas”. “Actuouse con luz e taquígrafos, mal que lle pese a alguén”, dixo o Concelleiro e tamén remarcou que “desque Orozco é Alcalde, hai 12 anos, as oposicións neste Concello foron conforme a dereito e imos seguir con este proceder, porque esta é a maneira como se debe actuar, porque nós non esperamos a que interveña o Valedor do Pobo”.

Sobre este proceso de selección de persoal, o Concelleiro informou de que o día 9 de marzo deuse a coñecer a relación de aprobados, os días 14 e 15 o tribunal atendeu as reclamacións das persoas que pediron ver os seus exames, o 17 de marzo presentáronse dous recursos de alzada dos que se deu traslado ó tribunal para que emitira informe, o luns 28 de marzo pola mañá decretouse a suspensión da oposición mentres non se emitira resolución sobre eses recursos de alzada, ese mesmo día pola tarde reuniuse o tribunal e o martes 29 de marzo pola mañá chegou ese informe que agora se estudará para tomar unha decisión.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova