Imprimir

PRETO DE 6.000 PERSOAS PASAN POLA REDE MUSEÍSTICA DO CONCELLO DE LUGO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO


5/4/2011 O Centro de Interpretación da Muralla rexistrou a maior afluencia con preto de 4.000 visitantes nos primeiros meses do ano

Un novo spot de Turismo, baixo o lema “Ven dar unha volta por Lugo!”, xa pode verse no Canal Viajar e en varias canles autonómicas

O Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, valorou positivamente os datos de visitantes aos museos da cidade de Lugo obtidos nos primeiros meses do ano. O Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos e a Sala Porta Miñá, tres dos museos que forman parte da rede de Museos Municipais, recibiron no primeiro trimestre do ano 2011 un total de 5.714 visitantes.

O Centro de Interpretación da Muralla, onde se atopa a oficina de información turística do Concello de Lugo, foi o museo máis visitado, recibindo no primeiro trimestre do ano a 3.898 visitantes. En xaneiro achegáronse 630 persoas, en febreiro 1.150 e o mes de marzo rexistrou a maior afluencia con 2.118 visitantes. A maioría deles son de procedencia nacional, 3.467 fronte a 431 persoas de nacionalidade estranxeira. Preto de 1.000 persoas achegáronse dende a propia cidade e provincia de Lugo; e un total de 995 persoas chegaron dende outros puntos da xeografía española, destacando as provincias de Madrid, Castela e León, Catalunya, Valencia ou Asturias. Polo que respecta aos estranxeiros, 431 achegáronse ata o Centro de Interpretación da Muralla, destacando 143 franceses, 87 portugueses e 50 arxentinos.

A Casa dos Mosaicos rexistrou 1.341 visitantes. No mes de xaneiro foron 208, en febreiro 425 e no pasado mes de marzo rexistrouse a maior afluencia coa visita de 708 persoas. En total, 491 visitantes procedían da cidade ou provincia de Lugo, e 305 doutras partes do territorio español, destacando os asturianos, que foron 114. Polo que respecta aos estranxeiros, 227 se achegaron para coñecer o museo. A maior parte deles, 175 chegaron dende Francia.

A Sala Porta Miñá foi visitada no primeiro trimestre do ano por 475 persoas. A maior afluencia rexistrouse o pasado mes de marzo con 425 visitantes. Neste caso, 160 das persoas que se achegaron ata o museo o fixo dende a cidade ou provincia de Lugo.

Spot de Turismo de Lugo

A Concellería de Turismo puxo en funcionamento, o pasado mes de febreiro, unha nova contratación para un servizo consistente na realización da creatividade, produción e edición dun audiovisual de promoción turística de Lugo así como a planificación e compra de medios para a súa difusión.

O spot oficial de Turismo de Lugo realizouse ao abeiro dunha subvención do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para promocionar a cidade de Lugo como destino turístico cultural, encadrado no proxecto “Lugo, Muralla Patrimonio da Humanidade”. Emítese en galego e castelán dende o pasado 1 de abril no Canal Viajar e en varias canles autonómicas como RTVG, TPA (Principado de Asturias), TVCyL, TVCy Valladolid, TVCy León, TVCy Zamora e TVCy Ponferrada, ademais pódese ver en Youtube.

O spot, que ten unha duración de 30 segundos, está rodado cun estilo de documental que trata de captar a autenticidade da cidade. O lema “Ven dar unha volta por Lugo!” articula unha liña argumental que afonda na vida cotiá da cidade, convida a interacción cos lucenses e a descubrir a beleza e o encanto de Lugo da man dos seus habitantes.

Segundo sinalou o Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, o obxectivo é “facernos máis coñecidos e posicionarnos mellor no mercado nacional turístico, incidindo no mercado galego e nas comunidades máis próximas, e as portas da Semana Santa esperamos que a xente se lembre de Lugo, nos visite, disfrute da cidade, do patrimonio histórico, da gastronomía e dos veciños e veciñas da cidade, que son os mellores embaixadores que temos para o turismo”.


Coñezca a Rede de Museos Municipais