Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde participou nun foro sobre Concellos e Drogodependencias organizado pola Fegamp e a Fundación Galega contra o narcotráfico


# Martes, 05/04/2011
O Alcalde defendeu a importancia da prevención para facerlle fronte ó fenómeno das drogas

López Orozco deu conta das medidas que leva a cabo o Concello en colaboración con outras entidades e lembrou o cumio de Alcaldes contra a droga en Lugo o ano pasado

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta tarde nun Foro de debate profesional Concellos e Drogodependencias, que se celebrou en Santiago, organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias e a Fundación Galega contra o Narcotráfico.

López Orozco defendeu pola importancia da prevención porque “axuda a evitar que as cousas sucedan, e a educación da nosa mocidade dálles instrumentos para saber enfrontarse a aquelo que os pode prexudicar”.

Na súa intervención, o Alcalde fixo referencia á participación de Lugo no Comité Executivo do programa Alianzas estratéxicas entre Europa, América Latina e o Caribe para mellorar o tratamento e rehabilitación da dependencia de drogas, un proxecto xestionado pola Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas (CICAD), órgano técnico sobre drogas da Organización de Estados Americanos (OEA), e financiado pola Comisión Europea. Nese marco, lembrou o Alcalde, tivo lugar en Lugo en abril de 2010 o Cumio de Alcaldes e Cidades de Europa, América Latina e o Caribe sobre Drogas.

Para López Orozco foi unha honra “formar parte dun programa integral no que, xunto con outros países, traballamos para unir esforzos e consolidar redes a nivel internacional, nacional, rexional e municipal, no ámbito do tratamento e da prevención das drogodependencias”.

Tamén explicou que “o papel da cidade de Lugo no Proxecto EU-LAC, que se concretou no Cumio de Alcaldes e Alcaldesas de Lugo, foi e continuará sendo o de asesoramento para a posta en marcha de estratexias bilaterais e o liderazgo de proxectos relacionados coa prevención das drogodependencias”.
“Na área do tratamento de drogas, a nosa cidade puido ofrecer ao resto de cidades que formaron parte desta rede o seu coñecemento e experiencia”, dixo o Alcalde e sinalou que “apostamos por sensibilizar, formar e informar aos responsables das políticas públicas para que entendan a prevención e o tratamento, como unha das prioridades do seu traballo”.
O Alcalde explicou que a clave deste traballo está “na coordinación e o traballo en equipo” e sinalou que “o Concello de Lugo, apoiado polo Plan Nacional sobre Drogas, incidiu moito dende o inicio da súa colaboración en que a clave para a redución da demanda de drogas é a prevención, que engloba todas as medidas informativas e educativas dirixidas á poboación potencialmente consumidora”.

Neste sentido, indicou que “o Concello de Lugo, a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, traballamos coordinadamente na procura constante de medidas que axuden a reducir a demanda do consumo de drogas, e que axuden ao tratamento, a prevención e a incorporación social das persoas con problemas derivados dese consumo”.

Tamén comentou que “nos últimos anos, multiplicamos esforzos para previr e reducir a demanda das drogas por parte da mocidade, mediante iniciativas lúdicas, artísticas, formativas, de incorporación socio-laboral, informativas.. Propoñéndolle á nosa mocidade alternativas reais ao consumo durante o seu tempo libre”.

Ademais dixo que “desenvolvemos programas que teñen en conta o triángulo educativo: escola, familia e comunidade, puntais fundamentais, que se coordinan e complementan. A eles unimos programas de tratamento que resultaron ser un éxito a xulgar polo descenso do consumo de drogas, concretamente do alcohol, na cidade” e asegurou que “a coordinación e complementación destes programas preventivos con outros de reinserción social e tratamento, foron o motor do noso éxito”.

Por último, o alcalde sinalou que “a cidade de Lugo traballa tamén de forma integral a problemática de drogas, a partir do seu Plan Municipal de Drogodependencias, que serve de guía, e é onde se recollen os obxectivo e as formas de coordinación que mantemos coas restantes Institucións lucenses”.

www.lugo.es/prevenciondrogas





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova