Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello acorda contratar a reurbanización da praza do Cantiño e a instalación de xogos infantís


# Mércores, 06/04/2011
A Xunta de Goberno tamén aprobou a licenza de modificación do proxecto básico das vivendas de Fermín Rivera e o Plan municipal de Infancia e Adolescencia

Imaxe Asociada

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe abrir o procedemento de contratación da obra de reurbanización da praza do Cantiño, que incluirá a adecuación do inicio do paseo interior da Muralla e obras no baixo do edificio número 7, que comunicará a praza co paseo. Este proxecto inclúese no Plan Urban e conta co cofinanciamento do 70% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O valor estimado do contrato é de 162.358,21 euros, incluído o IVE, e o seu prazo de execución é de tres meses, segundo explicou o Voceiro do Goberno local, José Rábade.

O Goberno local tamén aprobou abrir o procedemento de contratación doutro proxecto do Plan Urban, a subministración e instalación de xogos infantís e dun circuíto de mantemento-recuperación de habilidades para xente maior nun espazo do paseo interior da Muralla próximo á praza do Cantiño. Neste caso, o presuposto total ascende a 84.000 euros, IVE incluído, e o prazo é de dous meses.

A Xunta de Goberno Local acordou ademais conceder licenza para a modificación do proxecto básico e de execución dun edificio de 41 vivendas de promoción pública na rúa Fermín Rivera. As modificacións son necesarias para cumprir coa normativa técnica de habitabilidade. A Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, explicou que a licenza para modificar o proxecto “prodúcese despois de cinco informes emitidos polo Concello de Lugo e de que presentaran a documentación seis veces e, por suposto, o Concello pediu sempre as mesmas cousas para poder facer uso desas vivendas”. Basadre indicou que a última documentación presentouse o 17 de marzo e sinalou que Outra inspección antes da concesión do permiso de primeira utilización. Parece que atenderon o que viñamos reclamando, que se adxudicaran as vivendas de Aquilino Iglesias e de Fermín Rivera.

A Concelleira de Benestar Social tamén deu conta da aprobación do Plan integral municipal de Infancia e Adolescencia “que lle permitirá ó Concello solicitar da UNICEF que Lugo sexa declarada Cidade Amiga da Infancia”. A Concelleira indicou que este plan “vai ser pioneiro en Galicia” e explicou que ten un prazo de execución de 2011 ata 2015 e comprende actuacións en todas as áreas de Goberno. Foi elaborado no último ano e está estruturado en oito áreas: participación e información, familia e protección, educación, ocio e tempo libre, cultura, deporte, urbanismo e medio ambiente e sanidade e consumo. Nel traballaron, baixo a coordinación de Servizos Sociais, todos os técnicos municipais responsables de programas dirixidos á infancia e adolescencia,, en especial os de Educación, Xuventude, Emprego, Prevención de drogas, Casa da Muller, Servizos Xerais e Deporte. O Plan integral de Infancia e Adolescencia é o requisito que lle faltaba a Lugo para poder optar á convocatoria de Cidades Amigas da Infancia que fará o ano que vén UNICEF, xa que o noso Concello conta desde hai oito anos cun Goberno infantil.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova