Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Círculo das Artes acollerá este domingo un concerto solidario


# Xoves, 07/04/2011
O concerto “Música solidaria”, organizado por Mans Unidas Lugo, contará coa actuación da Banda Sinfónica Cidade de Lugo e a Coral Polifónica Xeral-Calde

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
As entradas teñen un custo de 5 euros e poden adquirise na sede de Mans Unidas e o día do concerto, e unha hora antes do comezo, no Círculo das Artes

O concerto contará coa colaboración do trompetista xaponés John Aigi Hurn e o director cubano Norman Milanés Moreno


A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, a Presidenta e Vicepresidenta de Mans Unidas Lugo, María Amalia Hermida e Berta López, e o presentador do concerto, Xulio Xiz, presentaron esta mañá na Casa Consistorial o Concerto Solidario de Mans Unidas, que terá lugar na cidade o vindeiro domingo día 10 abril a partir das 20.00 horas.

A Concelleira de Cultura explicou que a idea xurde dende Mans Unidas de Lugo, e coincide ao tempo cunha idea de varios músicos lucenses, que barallaban a posibilidade de facer un concerto benéfico, fusionando músicos de distintos ámbitos como o do conservatorio, do profesorado, así como músicos da banda. Deste xeito, sinalou Nuria Mundiña, saíu “unha fusión positiva que poderá verse e desfrutar o vindeiro domingo”. O concerto contará ademais coa colaboración dun trompetista de recoñecido prestixio, o xaponés John Aigi Hurn, e o director cubano Norman Milanés Moreno.

A Presidenta de Mans Unidas Lugo, María Amalia Hermida, sinalou que todos os anos Mans Unidas traballa cun dos obxectivos do milenio, nesta ocasión, reducir a mortalidade infantil. Segundo destacou Amalia Hermida, os datos de UNICEF falan de máis de 25.000 nenos que morren diariamente por causas que poderían ser evitables, “como enfermidades que nós xa temos erradicadas como o sarampelo ou por desnutrición”. Mans Unidas Lugo, segundo sinalaron os seus representantes, pretende con este concerto dous obxectivos: sensibilizar á poboación e recadar fondos a través da venda de entradas.

As entradas, que terán un prezo de 5 euros, poden adquirise na sede de Mans Unidas, na rúa da Cruz nº 1B, 1º, o xoves de 17.30 a 19.30 horas e o venres de 11.00 a 13.00 horas. As entradas tamén poderán collerse no Círculo das Artes o domingo, día do concerto, dende unha hora antes do comezo.

PROGRAMA

1ª PARTE
*PONTEAREAS R.SOUTULLO
Director: Rosendo Ivorra Jover
O GUARANI A. CARLOS GOMES/Arr. N. MILANÉS
HOMENAJE A GERSHWIN N. MILANÉS
BIG TIME BOOGIE DEKE MOFITT
*CARNAVAL DE VENECIA ARBÁN/Arr.D.HUNSBERGER
*SOLISTA JOHN AIGI
*LAS HIJAS DEL ZEBEDEO R.CHAPI
*SOLISTA JOHN AIGI
Proxección “Manos Unidas” 2ª PARTE
*NABUCO G. VERDI
*1.492 LA CONQUISTA DEL PARAÍSO VANGELIS/J. GLENESK
*CORO DO HOSPITAL Director: Fernando G. Jácome
HUAPANGO J. P. MONCAYO
BALADA GALEGA JUAN MONTES
GUATANAMERA J. FERNÁNDEZ /Arr. N. MILANÉS


DIRECTOR - Norman Milanés Moreno

Nace en Jiguaní, Cuba onde cursa estudos primarios de música con seu pai Miguel Milanés. Gradúase en piano no Conservatorio Provincial de Oriente. Ademais estuda harmonía e composición co profesor Enrique Bellver, dirección con Manuel Duchesne Cuzán e Daniel Tiuilin. Foi director asistente dos mestres Gonzalo Mantici e Rodrigo Prats.

É fundador da “Pequeña Orquesta Sinfónica de La Habana” e do Grupo Lírico “Ernesto Lecuona”. Foi director da Banda Nacional de Concertos. Dirixiu en países como Costa Rica, Nicaragua, Alxeria, Alemaña, Polonia, Bulgaria, Rusia, España... Tamén ten realizado concertos coa Orquestra Sinfónica de Bogotá e Medellín, en Colombia.

En Cuba dirixiu as Orquestras: Sinfónica de Cuba, Matanzas, Santa Clara, Camagüey e Oriente. Impartiu cursos de Dirección Orquestral e Bandística, así como de Harmonía e Composición. Exerceu como profesor da “Escuela Nacional de Arte”, director titular da Comedia Lírica “Gonzalo Roig”do Gran Teatro de La Habana e da Orquestra Sinfónica da Radio e Televisión Cubana. É destacado coñecedor da música escénica cubana, tamén dirixiu a “Compañía Cubana de Operetas”. É fundador das Bandas de Música da “Marina de Guerra de Cuba” e da “Banda del Estado Mayor General”.

Dirixiu a primeira posta en Europa de Cecilia Valdés no Teatro Musical de Gydinia en Polonia, e tamén por primeira vez en América do Sur estrea no Teatro Cofsubsudio de Bogotá a zarzuela “María la O”, do mestre Lecuona. Traballou con directores artísticos como C. Montesinos, Emilio Sagi, Juan R. Amán, María Pisaresky, Armando Suárez, María Foltyn, etc. Actualmente é un dos Directores Musicais do Teatro Lírico de Cuba e é membro das B. Artísticas “Juan Marinello”. Acompañou a solistas da talla de Adelaida Negri, Carmina Gallo, Hilda del Castillo, Alba Marina, Pedro la Virgen, Hugo Marcos, Adolfo Casas, Ángel Menéndez, Humberto Díez, ou Antonio Lázaro.

Realizou gravacións discográficas con varios deles e foi produtor de gravacións co barítono grego-español Teodoro Lanarás. Entre as numerosas distincións que ostenta destaca a réplica da “Batuta del Maestro Guillermo Tomás” que outorga a Banda Nacional de Concertos de La Habana. Posee tamén a mais alta condecoración do Ministerio de Cultura e o “Consejo de Estado de la República de Cuba”, a “Orden por la Cultura Nacional”, a “Orden Raúl Gómez García” por mais de 25 anos da súa labor artística, Medallas do Servicio Distinguido pola “Marina de Guerra Revolucionaria”, etc.
Recentemente foi Membro do Xurado no “Concurso Nacional de Jóvenes Intérpretes de España” e dos “Certámenes Nacionales de Bandas de Murcia”. Como compositor escribiu a música da obra lírica “El Triunfo de la Rebelión” sobre pasaxes da loita revolucionaria, e a ópera de cámara “El Sueño de los Carballos”, con libreto do poeta nacional Jesús Orta Ruiz.

Tamén ten escrita música de cámara, sinfónica e coral. Numerosos pianistas cubanos tocan as súas moi coñecidas danzas. Compuxo tamén cancións sobre textos de José Martí, García Lorca, Gabriela Mistral, Vicente Huidobro, entre outros.


TROMPETISTA SOLISTA - John Aigi Hurn

Nace en Tokyo (Xapón) en 1967. Aos dez anos comeza os seus estudos de trompeta empregando o método de música Suzuki. Despois de emigrar aos Estados Unidos, recibe clases de Charles Butler, membro da Orquestra Sinfónica de Israel. Tras obter unha bolsa en The Eastman School of Music de Nova York, estuda con Charlie Geyer da Chicago Symphony Orchestra. En 1989 ingresa en The Hong-Kong Philharmonic Orchestra, lugar en que ademais do seu traballo na orquestra, imparte clases como profesor de trompeta na Academy of Performing Arts sita nesta cidade.

En 1991 marcha a Europa e empeza a traballar coa Orquestra Filharmónica de Hamburgo. Desenvolve unha grande actividade en Alemaña actuando e colaborando con The Hannover Opera Orchestra, coa Bach Launenburg Orchestra, coa Orquestra Sinfónica de Hamburgo,etc.

Dende 1992 é trompeta solista na Orquestra Sinfónica de Galicia e fundador do grupo de cámara Coruña Brass, non cesando a súa colaboración con outras orquestras. Nos veráns de 2000 e 2001 é invitado a participar, xunto coa Seattle Opera, na realización do ciclo "The Ring" de Richard Wagner. En Febreiro de 2002 participa coa Orquestra Sinfónica de Barcelona e Cataluña nunha xira polos Estados Unidos e é invitado de novo por esta mesma agrupación a unha nova xira, esta vez por Europa, en Xullo do mesmo ano. Tamén a Philharmonic Orchestra de Malasia solicita a súa colaboración como solista de trompeta para este mesmo ano.

O seu labor musical esténdese tamén ao campo docente. Compaxina o seu traballo como profesor de trompeta e musica de cámara na JOSG-Mozo Orquestra da Sinfónica de Galicia a JONDE-Mozo Orquestra Nacional de España e a JONC-Mozo Orquestra Nacional de Catalunya coa impartición de cursos por toda España, Portugal e Estados Unidos.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova