Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde reclama á Xunta que cumpra a promesa de facer Universitario o Hospital de Lugo


# Xoves, 07/04/2011
López Orozco expresou a preocupación do Concello polas noticias sobre atrancos na catalogación do Hospital Lucus Augusti como Universitario

Imaxe Asociada
O Goberno local presentará unha iniciativa para que se pronuncie a Corporación no vindeiro pleno

O Alcalde tamén se vai dirixir ós deputados autonómicos de Lugo para que plantexen esta demanda no Parlamento galego


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra a promesa de que o Hospital de Lugo terá a acreditación universitaria. O Alcalde expresou a súa gran preocupación polas noticias sobre a existencia de atrancos para que se imparta docencia universitaria no novo Hospital.

“Ultimamente estamos vendo noticias que nos deixan preocupados, e eu quero alzar a miña voz e unirme a outros colectivos que tamén a están alzando, para reclamar o que se nos prometeu e ó que temos dereito: que o Hospital Universitario Lucus Augusti o sexa porque se imparte docencia nel”, dixo o Alcalde.

López Orozco lembrou que tanto o Presidente da Xunta como a Conselleira de Sanidade dixeron no acto de inauguración do Hospital, o 26 de febreiro, que se axilizarían os trámites para que nel se imparta docencia. Aquel día, recordou o Alcalde “no rótulo situado no estrado, detrás das autoridades, desaparecera a U das siglas do Hospital, ó que sempre se lle chamou HULA, Hospital Universitario Lucus Augusti, e aquel mesmo día pedín, diante de todas as persoas que asistiron ó acto, do Presidente e da Conselleira, que a perda da U só fora un accidente e que se fixeran os trámites para que nel se impartira docencia”.

Na súa comparecencia, o Alcalde preguntouse se é que “as promesas públicas do Presidente da Xunta e a da súa Conselleira non valen”, se “hai que atender as aspiracións doutras cidades e estas son incompatibles co que pretendemos os lucenses” e se “porque haxa algunha Conselleira que foi Concelleira do PP na Coruña, se esquece da promesa que fixo na nosa cidade”.

“Non quero discutir se deben existir facultades de Medicina en Vigo, Santiago ou A Coruña pero ese feito non pode levar a que o Hospital de Lugo non teña docencia como tivo noutros anos”, concluíu o Alcalde e argumentou que en Lugo “temos persoal sanitario preparado, tamén temos instalacións, un novo edificio, unha certa experiencia e temos Universidade” polo que defendeu que os alumnos poidan recibir docencia no Hospital de Lugo.

O Alcalde tamén anunciou que o Equipo de goberno vai presentar unha proposición no vindeiro Pleno do Concello, previsto para o día 25, e tamén comunicou que se vai dirixir ós deputados autonómicos lucenses para que o reclamen no Parlamento galego.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova