Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e a Universidade colaboran na organización das Xornadas "Novas redes para o voluntariado en Europa"


# Venres, 08/04/2011
Terán lugar do 14 ó 16 de abril en conmemoración do Ano europeo do Voluntariado

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, e o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, acompañados pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentaron hoxe as Xornadas “Novas redes para o voluntariado en Europa. 2011 Ano Europeo do Voluntariado” que organiza o Concello, a través da oficina de información europea Europe Direct, en colaboración coa USC.

As Xornadas terán lugar os días 14 e 15 no salón de actos do CEI-NODUS e o 16 na Facultade de Humanidades.

O Alcalde destacou o importante labor que leva a cabo o voluntariado e dixo “que a nosa sociedade non se pode entender sen ter e nconta o fenómeno que supón o voluntariado que fai posible, por exemplo, a existencia do servizo de Protección Civil”.

Tamén sinalou que estas Xornadas contribuirán a difundir o seu papel na sociedade e a poñer riba da mesa o reto de ampliar a rede de voluntarios porque “somos moitos os lucenses que non participamos nel e estou convencido de que na medida que se coñeza estou seguro de que haberá máis xente disposta a colaborar”.

O Alcalde tamén destacou a colaboración que recibe o Concello da Universidade a través da súa Oficina de Voluntariado Social no Campus de Lugo, servizo do que Fátima Teixeiro é responsable.

Pola súa parte García Herradón destacou a intención da USC de achegar o voluntariado cara a sociedade a través do CEI- Nodus e de “fomentar os valores máis alá dos meros coñecementos”. O vicerreitor fixo fincapé na aplicación das redes de comunicación 2.0 ao voluntariado e na necesidade de xerar sinerxias entre colectivos que traballan dende distintos ámbitos sobre esta área.

Programa

Esta iniciativa pon na man da comunidade universitaria vinculada ao voluntariado as posibilidades que ofrecen as redes sociais e a comunicación 2.0. Nestas xornadas debateranse, entre outros, temas coma os usos das redes sociais, as ferramentas máis comúns dende o punto de vista das novas tecnoloxías, e tamén se apreciará a súa utilidade a través dun obradoiro.

Outro dos puntos de interese será coñecer como funciona un proxecto europeo a través da experiencia práctica da Escola de Tempo Libre Don Bosco. Por outra banda tamén se amosará a importancia que cobran as redes na sociedade actual a través da presentación a EAPN- Rede Europea de loita contra a Pobreza, a Plataforma Estatal de Voluntariado, e a Rede Lucense de Voluntariado. No programa inclúense actividades culturais como unha visita á exposición ‘A Domus do Mitreo’ e a asistencia a un espectáculo do Encontro Universitario de Danza Contemporánea a través da colaboración da Oficina de Cultura do Campus de Lugo.

Para participar nestas xornadas é necesario inscribirse previamente, a pesares de que a matrícula é gratuíta. O prazo para inscribirse rematará o 12 de abril. Toda a información está dispoñible no espazo web do SEPIU.

Estas xornadas, recoñecidas cun crédito de libre configuración para todos os estudantes da USC, están dirixidas a estudantes da USC, persoas voluntarias e persoal técnico das entidades de voluntariado, así como a todas aquelas persoas con interese no voluntariado.

cei.lugo.es

lugo.es/europedirect

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova