Imprimir

O ALCALDE ASISTIU Ó PRIMEIRO ACTO DE DEFENSA DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO NA CASA DO SABER DE LUGO


8/4/2011

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Voceiro do Goberno local, José Rábade, asistiron este venres á lectura da primeira tese de doutoramento que tivo lugar esta mañá que tivo lugar na Casa do Saber.

O Alcalde agradeceu o achegamento da actividade académica e da Universidade en xeral á vida da cidade.

A Casa do Saber foi o lugar escollido polo xa doutor Andrés Manuel García Lamparte para a presentación do seu traballo de ‘Simulación do crecemento urbano en Galicia mediante modelos de autómatas celulares aplicado no Concello de Ribadeo. A tese estivo dirixida por Rafael Crecente e Inés Santé, da Escola Politécnica Superior e ao acto de defensa tamén asistiu, o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón.

García expón a necesidade de estudar os fenómenos de expansión urbana para poder abordar os problemas xerados a partir dos mesmos con políticas de planificación axeitadas. Pero o doutor apunta a dificultade disto dada a complexidade dos distintos procesos de crecemento urbano. A creación de modelos que axuden aos planificadores a analizar as dinámicas urbanas e a facer extrapolacións futuras dos procesos de crecemento actuais para estudar as consecuencias das políticas que intentan regular o crecemento das cidades é, para o investigador, unha das solucións a estes problemas, xa que deste xeito, os procesos de planificación serían menos custosos e “as solucións adoptadas abordarán mellor os problemas”.

Na súa exposición, o doutor, partiu da premisa de que na segunda metade do século vinte, as melloras socioeconómicas posteriores á segunda guerra mundial levaron a un proceso de concentración da poboación nas áreas urbanas en case todo o mundo. No ano 2000, practicamente a metade da poboación mundial vivía en cidades, e o proceso de crecemento urbano estaría a xerar unha serie de problemas derivados da conxestión dos centros das cidades, producida polo incremento de poboación. Entre estes problemas estaría, segundo apunta Andrés García na súa tese, o crecemento dos suburbios que levan a un aumento da dependencia do automóbil que deriva nunha maior contaminación. O crecemento expansivo cara as zonas periféricas, explicou, “ fagocita as áreas rurais circundantes desprazando a actividade agrícola a outras zonas mais afastadas xerando unha maior dependencia dos combustibles fósiles para o abastecemento de alimentos e diminúese a calidade ambiental das áreas invadidas polos usos urbanos”.

O modelo proposto é un dos modelos máis utilizados para a simulación e análise do crecemento urbano e trátase dos autómatas celulares. Estes modelos téñense utilizado para a simulación de procesos físicos, incendios forestais ou a evolución na distribución espacial de especies vexetais e animais. Os autómatas celulares simulan o crecemento dunha cidade mediante regras que teñen en conta como inflúe a proximidade a determinados usos urbanos na localización doutros usos urbanos. Manuel Andrés García cita como exemplo o dunha persoa que queira mercar un terreo para edificar unha casa, xa que esta considerará se ten unha área comercial preto ou se está próxima a unha estrada ou se non se atopan áreas industriais preto que podan xerar problemas de contaminación.

Os autómatas celulares representan, segundo explica o doutor, o espazo a simular cunha cuadrícula. Cada cela da cuadrícula está definida polo uso urbano que a ocupa. O modelo determinará como cambiará o uso de cada cela en base aos usos presentes nas celas veciñas. Grazas a isto, apunta, os procesos simulados cos autómatas celulares son moi visuais e doados de interpretar.

Nesta tese estudáronse 33 modelos de autómatas celulares urbanos para ver como se adaptaban á simulación do crecemento da vila luguesa de Ribadeo. Os modelos mellor adaptados foron utilizados como base para desenvolver un autómata celular urbano que poda ser utilizado para o análise e predición do crecemento urbano nas vilas e cidades Galegas.