Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Benestar Social participa na inauguración dunha mostra fotográfica sobre a labor da Fundación Vicente Ferrer en Anantapur


# Luns, 11/04/2011


Imaxe Asociada
A exposición, que estará aberta no CENTRAD ata o día 25, fai un percorrido polo programa de cooperación que leva a cabo a ONG nunha das rexións máis pobres da India



A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, participou este luns na inauguración da exposición fotográfica “Comprometidos con Anantapur” da Fundación Vicente Ferrer.

No acto, que tivo lugar no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente da Deputación, tamén participaron a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e Yolanda Ferrer, representante da Fundación Vicente Ferrer na Coruña.

Na mostra, a organización humanitaria fai a través das instantáneas un percorrido polo programa de desenvolvemento que leva a cabo co fin de erradicar a pobreza desta rexión da India, unha das máis pobres do país.

Contido e horario

A través da mirada artística das fotografías que compoñen a exposición, distribuídas en 32 paneis, o visitante pode coñecer os diferentes ámbitos de actuación da Fundación Vicente Ferrer: educación, sanidade, vivenda, ecoloxía, muller e persoas con discapacidade. Deste xeito tamén se acerca a realidade da India a todas as persoas sensibilizadas cos países en vías de desenvolvemento, ó tempo que se mostra ós colaboradores da ONG os resultados da súa solidariedade.

O horario ó publico dende hoxe e ata o 25 de abril é o seguinte: de luns a venres, de 10:30 horas ás 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 horas ás 20:00 horas pola tarde; os sábados, de 17:00 horas ás 20:00 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 horas ás 14:00 horas.

De maneira complementaria á mostra, para este xoves programouse unha conferencia na que Lancy Dodem, portavoz da Fundación, falará do traballo da entidade. A cita será ás 20:00 horas, no propio centro de artesanía da Deputación.



414 colaboradores en Lugo

A organización humanitaria fundada por Vicente Ferrer hai 55 anos conta con 144.000 colaboradores en España, dos cales 414 son da provincia de Lugo. Segundo datos deste colectivo, dende que traballan en Anantapur, -palabra que significa cidade do infinito-, construíronse na zona 45.000 casas, 5 hospitais, 20 clínicas no rural, e 1.140 colexios acadando o índice de escolarización máis alto da India, e logrando o 100% da escolarización das mulleres.

A Fundación Vicente Ferrer é unha ONG comprometida co proceso de transformación dunha das zonas máis pobres e necesitadas da India, Anantapur, e das comunidades máis excluídas do planeta, os “dálits” ou “intocables”, os grupos tribais e as “backward castes”. Na actualidade, o seu traballo chega a 2.313 pobos, beneficiando a máis de 2,5 millóns de persoas.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova