Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O patrimonio arqueolóxico de Lugo vaise enriquecer coa incorporación dun treito do acueducto construído polos romanos no século I despois de Cristo


# Luns, 11/04/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Os restos do acueducto romano que apareceron en San Marcos quedarán á vista coa instalación dunha ventá arqueolóxica de 25 metros de longo e 2,5 de ancho

Os arqueólogos comprobaron que nese treito houbo unha intervención posterior na Idade Media e desbotan que se trate do acueducto do Obispo Izquierdo




Os restos do acueducto romano, que apareceron na praza de San Marcos grazas as obras de peonalización que se levan a cabo na zona, vanse poñer en valor coa instalación dunha ventá arqueolóxica. O Concello xa ten feito o anteproxecto, que prevé a instalación da ventá arqueolóxica, e encargará esta semana a redacción do proxecto arqueolóxico para poñer en valor o achádego.

A Xefa de Arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, explicou hoxe que está previsto instalar unha ventá de 25 metros de longo e 2,5 metros de ancho para que os restos queden visibles. A responsable de Arqueoloxía do Concello e o arqueólogo da empresa que executa a obra de San Marcos, Celso Rodríguez Cao, explicaron esta mañá a importancia do achádego arqueolóxico, a información que aportan estes restos sobre a historia da cidade e os traballos que se levarán a cabo para poñelo en valor nun acto no que participaron o Alcalde, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo.

Carreño informou de que “ata agora sempre se pensara que sobre o acueducto romano se situaba o do Obispo Izquierdo, que é da segunda metade do século XVIII, pero esta actuación permitiunos comprobar que non é así xa que sobre o muro hai unhas laxes de pizarra superpostas que non son posteriores ó século XVI”. Segundo a Xefa de Arqueoloxía do Concello, “aínda non sabemos se ese intento de traída de auga á cidade funcionou ou non, durante canto tempo, nin que problemas puideron aparecer, pero parece que quedou claro que non é o do Obispo Izquierdo, que está detectado na praza do Ferrol e nesta zona vai case paralelo ó romano”.

Pola súa parte, Celso Rodríguez Cao apuntou a hipótese coa que traballan agora os arqueólogos, segundo a cal “a finais da Idade Media, no século XII, ou na Idade Moderna, no século XV, puido terse feito unha reparación, debido ó boom demográfico que experimentaron daquela as cidades europeas, para facerlle un canal hídrico de maior amplitude co obxecto de traer máis auga á cidade”. Segundo dixo, agora “estamos a estudar a cerámica que apareceu na zanxas que fixeron para facer esa ampliación, a ver se podemos datar con exactitude a cronoloxía desa reparación”.

O acueducto romano de Lugo está datado na primeira década do século I despois de Cristo e a súa lonxitude sería de aproximadamente 2.500 metros, segundo explicou o arqueólogo, e o seu percorrido iría desde “a zona de Castiñeira, e o Monte das Pías, onde estarían as fontes, ata a zona da Milagrosa, logo entraría dentro da Muralla pola praza de San Fernando e chegaría ata a praza de Santo Domingo, onde estaría o depósito para a distribución da auga á cidade”.

O Alcalde manifestou que “desque apareceron os restos do acueducto, a intención do Plan Urban, da Deputación e do Concello foi conservalo in situ porque estamos dacordo de que que é un achádego moi importante para Lugo”. López Orozco tamén dixo que o lugar no que apareceron os restos, na praza de San Marcos, fará que a conservación e posta en valor deste patrimonio da historia da cidade non interfira na marcha das obras que estarán rematadas no prazo previsto, a mediados do mes de maio”.

O Alcalde tamén sinalou que o proxecto para a conservación dos restos farase “no menor tempo posible pero coas mellores garantías científicas”. Neste sentido, a Xefa de Arqueoloxía do Concello apuntou que a instalación dunha ventá de cristal é o mellor xeito de manter a zona limpa e o anteproxecto inclúe a instalación dun sistema de ventilación, un panel explicativo e a iluminación dos restos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova