Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Curso de Primavera "Sub Urbem: Historia, Sociedade e Cultura da cidade" achegará novamente o saber universitario á cidadanía luguesa


# Luns, 11/04/2011
O sétimo Curso de Primavera, impulsado por Lugo Cultural, celebrarase do 3 ao 6 de maio na Facultade de Humanidades e na Casa do Saber

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, asistiu esta mañá á presentación do programación do Curso de Primavera xunto o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e en representación de Novacaixagalicia, Sinesio Pérez. Tamén participou a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, quen explicou os detalles do curso xunto cos profesores da USC Carlos Baliñas e Gonzalo Francisco Fernández.

O sétimo Curso de Primavera impulsado por Lugo Cultural estará dedicado este ano á historia, sociedade e cultura da cidade baixo o título ‘Sub Urbem’ e celebrarase na Facultade de Humanidades e na Casa do Saber do 3 ao 6 de maio. O prazo de inscrición será do 12 ao 28 de abril na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación.

Temas como a función sociocultural do Instituto Provincial de Lugo, a sociedade na época romano xermánica, a permanencia da cidade no mundo antigo, o sistema urbano de Galicia, a análise de exemplos de cidades patrimonio como Brasilia ou unha mirada aos escribáns lugueses dos séculos XVI ao XVIII conforman algunhas das sesións do curso. As diferentes conferencias complementaranse con outras actividades coma unha visita guiada á exposición ‘ A Domus do Mitreo’ co arqueólogo director das escavacións ou un encontro co cineasta Jorge Coira dentro do ciclo ‘Xoves de Moda’. Outros aspectos do curso tocarán os poderes municipais e as elites cidadás na época borbónica, a arquitectura a principios do século pasado e a cidade como foco de ensino na vida adulta.

Orientar o coñecemento sobre a cidade de Lugo e sobre o concepto de cidade dende múltiples campos do saber é o obxectivo último desta actividade formativa que contará cunha conferencia inaugural a cargo de Antonio Prado que versará precisamente sobre as orixes deste Curso de Primavera. Esta iniciativa, agora promovida por Lugo Cultural e organizada dende a USC ten a súa orixe nas décadas dos 60 e 70 do século pasado no Instituto Masculino ‘Lucus Augusti’. Outra das finalidades é a de complementar a formación humanística do alumnado do Campus de Lugo, polo que no ano 2005 se reedita o Curso de Primavera dende a Universidade.

www.lugocultural.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova