A Policía Local organizou un dispositivo con motivo da celebración da Festa da Carballeira que terá lugar mañá, a partir das 10.30, e na que se contará coa participación da Policía Nacional, ademais dos servizos de Urbaser.
Desde as 10:30 haberá na zona 1 patrulla da agrupación de tráfico e seguridade vial para o control de tráfico na zona. Tamén haberá unha patrulla de policía de barrio que estará ubicada, de xeito permanente, na explanada de Campos Novos máis próxima á Carballeira para vixiar que non se cometan posibles actos incívicos nos portais das vivendas próximas. Esta patrulla permanecerá na zona durante toda a xornada.
Pola tarde o dispositivo reforzarase co apoio de axentes da Patrulla Verde e prevese a realización de controis preventivos de alcoholemia.
Durante a noite, o dispositivo completarase coa presenza na zona de efectivos da policía de barrio, agrupación de tráfico e Patrulla Verde.
Ademais vaise valar a parada do autobús existente na zona co fin de que non sexa invadida polos mozos de xeito que non se dificulten as manobras do autobús urbano.
Pola súa parte a Concellería de Medio Ambiente vai reforzar a presenza dos operarios de Urbaser tanto durante a xornada de mañá como na do xoves e tamén se van instalar sanitarios públicos portátiles.
O dispositivo montado polo Concello contará coa colaboración da Policía Nacional.