Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello fará un inventario do sistema de abastecemento de auga na cidade


# Mércores, 13/04/2011
A Xunta de Goberno tamén aprobou a Ordenanza de Mercados, a expropiación de dous edificios situados na traseira da Casa do Concello e a contratación dun servizo de roza de pistas en 19 parroquias

Imaxe Asociada
O Concello de Lugo acordou hoxe contratar un servizo para a actualización, toma de datos e inventario dos elementos do sistema de abastecemento de auga en Lugo. O valor estimado do contrato é de 70.800 euros, IVE incluído, e o contrato terá un prazo máximo de seis meses.

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, explicou que se trata da “contratación da planimetría da rede de abastecemento de auga porque é necesario dispor de planos dos lugares polos que discorre a rede, una información importante para a detección de avarías ou para facer purgas sen que teña un efecto negativo no abastecemento”.

González Dopeso tamén informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe abrir o procedemento de adxudicación do servizo de roza de pistas de 19 parroquias do termo municipal. Esta actuación terá un presuposto estimado de 59.067 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de dous meses. Está previsto desbrozar 235 quilómetros de pistas por ambas marxes nas parroquias de Calde, Piugos, Torible, Adai, Soñar, Coeses, Saa, Monte de Meda, Lamas, Fixos, Meilán, Pías, Benade, Rubiás, Castelo, San Salvador de Outeiro, Ombreiro, Cuiña e Castro.

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural explicou que “o servizo contrátase só para algunhas parroquias porque o Concello tamén ten medios propios para facer os desbroces, que se levan a cabo durante todo o ano cos medios municipais pero nas épocas do estío non abonda con eles para facer todo o traballo”.

Lino González tamén deu conta de que desde o ano 2008 o Concello leva investidos na zona rural 20.726.273 euros, o que supón unha media anual de 5.181.568 euros, é dicir 518 euros por habitante. Sinalou ademais que desde xaneiro deste ano xa van consignados 1.031.697 euros para a zona rural.

“Como se pode dicir que non investimos no rural?” preguntouse o Concelleiro, “cando levamos arranxado lavadoiros, fontes, escolas, pontes e pontellas, tamén instalamos marquesinas, gastamos case 500.000 euros en puntos de luz, fixemos pistas novas e arranxamos outras con aglomerado en quente, desbrozamos....”

Para González Dopeso “debe de ser que os do PP non se enteran, poida que sexa porque están en Intereconomía e ó mellor eles entenden por apoiar o rural vender queixo de tetilla no Gaiás”.

“Eu vóullelo dicir en castelán, para que o entendan: todos los gastos van a Junta de Compras y Mesa de Contratación, donde ellos están presentes, claro que cada vez va uno diferente y suelen ir los que no cobran dedicación exclusiva”.

Ordenanza Mercados

Pola súa parte, o Voceiro do Goberno local, José Rábade, deu conta da aprobación do proxecto da Ordenanza reguladora de Prazas e Mercados que substitúe á Ordenanza vixente desde o ano 1999. A nova Ordenanza incorpora melloras nas concesións, nos dereitos dos concesionarios e nas relacións entre comerciantes e Concello.

Rábade destacou que con ela supérase “unha normativa que estaba obsoleta” e o seu obxectivo é “mellorar a praza de Abastos e facela máis atractiva”. Tamén indicou que a nova Ordenanza “está adaptada á normativa europea no que se refire á seguridade alimentaria”.

Expropiación de dous edificios

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou definitivamente o proxecto de expropiación dos edificios números 2 e 4 da praza de Ángel Fernández Gómez logo de resolver as alegacións presentadas. O monto total das indemnizacións que abonará o Concello ós propietarios e inquilinos dos dous edificios será de 494.450 euros. Con estes dous inmobles ampliarase a Casa do Concello e neles habilitarase un centro de novas tecnoloxías.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova