Imprimir

COMEZAN AS XORNADAS DE VOLUNTARIADO QUE ORGANIZAN O CONCELLO E A UNIVERSIDADE


14/4/2011 O Alcalde salientou o papel do voluntariado para lograr unha sociedade máis xusta

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón interviron esta tarde no acto de apertura das Xornadas “Novas redes para o voluntariado en Europa”, que organizan o Concello, a través do Centro de información europea “Europe Direct”, e a Universidade. Tamén asistiu ó acto a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

Na súa intervención o Alcalde gabou o “extraordinario papel do voluntariado que traballa sen cobrar nada a cambio para lograr unha sociedade mellor e máis xusta na que se respecten os dereitos humanos”. Tamén manifestou que “as administracións unha responsabilidade que cumprir pero o conxunto da sociedade debe xogar o seu papel e non esperar que a administración o faga todo”. Neste sentido, López Orozco manifestou que os voluntarios da Universidade no Campus de Lugo son un exemplo.

O Vicerreitor tamén se referiu ó labor de voluntariado dos universitarios e dixo que “a Universidade non só debe transmitir coñecementos senón tamén valores e os alumnos non só deben estudar senón tamén participar en actividades sociais”.

As Xornadas celébranse con motivo do Ano europeo do Voluntariado e teñen lugar durante tres días. As sesións celébranse hoxe e mañá no CEI-Nodus e o sábado na Facultade de Humanidades.

Tralo acto de apertura das Xornadas pronunciou o relatorio inaugural Patricia Sánchez Abeal, ex directora de prensa e comunicación do Foro Europeo da Xuventude que falou de “Cidadanía activa en Europa”. De seguido houbo unha proxección de audiovisuais e as sesións de hoxe rematarán ás 20.30 cun encontro de danza contemporánea universitaria no Museo provincial.

Máis información Xornadas "Novas redes para o voluntariado en Europa"