Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Empezan tres novos cursos de Lugo Emprego Activo nos que participarán 45 persoas desempregadas


# Xoves, 14/04/2011
O Alcalde participou na presentación dos cursos que se desenvolverán ata o verán

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participaron hoxe na sesión de presentación dos novos cursos que pon en marcha o programa Lugo Emprego Activo. No acto, que tivo lugar esta mañá nas instalacións do CEI-Nodus tomaron parte os asistentes a estas novas accións de formación para desempregados.

O Alcalde destacou que “o principal problema que ten a cidade son as 8.900 persoas que buscan traballo e o máis urxente para nós é que poidan saír do paro”. López Orozco subliñou que “o Concello non é un axente de emprego pero asume un papel de animador consistente en poñer no mercado a persoas mellor formadas e tamén fai o posible porque se instalen novas empresas en Lugo”.

Tamén explicou o Alcalde que os tres novos cursos que comezan agora son posibles grazas a que “nos concederon unha prórroga do programa Lugo Emprego Activo ata o mes de decembro e coas achegas que nos deu o Fondo Social Europeo conseguimos ampliar os cursos para a formación en sectores nos que hai máis perspectivas de emprego”.

Os tres novos cursos que se impartirán ata o verán ó abeiro do programa Lugo Emprego Activo son de coidador de persoas discapacitadas, físicas e psíquicas; atención especializada para enfermos de Alzheirmer e técnico en transporte sanitario.

Neles participarán 45 persoas que se van formar nestas especialidades. Recibirán titorías personalizadas, orientación laboral e axuda na busca activa de emprego.

300 persoas desempregadas beneficiáronse ata o momento do programa Lugo Emprego Activo. É un programa de emprego do Concello de Lugo, cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve nas instalacións do Espazo>lab, o centro de orientación laboral do Concello de Lugo.

Inicialmente este programa estaba previsto para 20 accións formativas, 19 delas xa finalizaron, pero o Concello tendo en conta a situación do emprego considerou indispensable facer o esforzo de prorrogar o proxecto con 6 accións formativas máis, tres delas que comezan agora e outras 3 que o farán proximamente.

cei.lugo.es

www.lugo.es/espazolab

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova