Cargando....
Concello de Lugo
06/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo goza dunhas contas saneadas nun momento no que moitos concellos pasan dificultades económicas


# Xoves, 14/04/2011
A liquidación do exercicio de 2010 conclúe cun superávit de 1,2 millóns e cun alto grao de cumprimento das previsións de ingresos e gastos

Imaxe Asociada

O Concello dispón dun remanente de tesourería de 11,2 millóns de euros que lle permitirá amortizar débeda anticipadamente

A Comisión de Contas tamén recibiu información sobre o Plan Urban que recibiu 20 solicitudes de subvencións nunha semana, 13 delas para instalación de terrazas



A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deu conta hoxe dos asuntos tratados na Comisión de Contas do Concello na que se informou da liquidación do exercicio de 2010 do Concello de Lugo, que concluíu o ano cun superávit de 1,2 millóns de euros.

A Concelleira salientou que “estes datos reflicten a situación saneada da economía do Concello de Lugo, mentres o 40% dos concellos galegos, é dicir 120 concellos, pecharon con déficit o ano 2009, que é o último do que se coñecen datos oficiais”.

Para Sonia Méndez, estes datos demostran que “nunha situación difícil economicamente para moitas administracións, Lugo ten unha situación privilexiada”.

Méndez explicou que o bo resultado orzamentario fixo que non fora necesario acudir o ano pasado ó remanente de tesourería reservado para facerlle fronte a imprevistos, polo que, unha vez realizados os axustes legais, o Concello dispón na actualidade dun remantente de tesourería líquido dispoñible de 11,2 millóns de euros.

Amortización anticipada de débeda

A Concelleira de Economía lembrou que, como xa anunciara o Alcalde, José López Orozco, parte dese remanente “vaise adicar a amortizar débeda anticipadamente e o resto quedará, por se fora necesario, para atender algún imprevisto”.

“Os servizos económicos do Concello están a estudar cales son os créditos que nos convén amortizar para aforrar máis no pago de intereses”, explicou Sonia Méndez, quen lembrou que cando Orozco chegou á Alcaldía de Lugo, o Concello debía 46 millóns a longo prazo e outros 9 a curto prazo.

Ademais Méndez remarcou que “fixemos ben as contas porque tanto nos ingresos como nos gastos cumpríronse as nosas previsións presupostarias”. Así, indicou que no capítulo de ingresos, os dereitos recoñecidos netos foron do 95% nos impostos e do 99% nas taxas e outros ingresos. “Polo tanto, fíxose unha boa previsión á hora de facer o orzamento inicial”, indicou a responsable municipal de Economía.

Impostos conxelados desde hai 4 anos

Tamén informou Sonia Méndez de que “os ingresos propios do Concello están consolidados e no ano 2010 non se produciron os descensos de ingresos sofridos no 2008 que obrigaran a realizar axustes, senón que, pola contra, mantivéronse ou incrementáronse case todos os conceptos debido unicamente ás altas en padróns, porque os impostos municipais levan 4 anos conxelados”.

“Polo tanto, sen aumentar a presión fiscal sobre os lucenses, se está a ingresar igual ou máis que o ano pasado”, manifestou Sonia Méndez.

Outro dato positivo ó que fixo referencia a Concelleira de Economía, é o da recadación neta de ingresos, que foi dun 87,37%. Neste aspecto, mesmo se mellorou respecto á taxa de recadación do ano anterior, xa que fora dun 86% no ano 2009.

Para Sonia Méndez, este dato demostra que “os lucenses pagan ó día os impostos e, como sempre dicimos, esto beneficia moito ás arcas municipais e á situación fiscal de Lugo, porque, se todos pagamos, pagaremos menos e podemos permitirnos a contención fiscal que temos no Concello”

Subvencións do Plan Urban

Na Comisión de Contas tamén se informou, como sucede cada dous meses, da marcha do Plan Urban.

A Concelleira de Economía deu conta de que nunha semana o Plan Urban recibiu 20 solicitudes no primeiro prazo da convocatoria de axudas a locais de negocio.

Méndez destacou que, das 20 axudas pedidas, 13 son para a instalación de terrazas en locais de hostalería “co que, se todas cumpren os requisitos, como agardamos, se sumarán ás 11 concedidas ata agora así que esperamos que, en breve prazo, haberá 24 terrazas con mobiliario de madeira”.


www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova