Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde defende a continuidade do máster de Enxeñería Industrial que se imparte na Facultade de Ciencias


# Venres, 15/04/2011
López Orozco amosa a súa satisfacción pola adxudicación do Auditorio e pídelle á Xunta que axilice o proxecto do Cuartel de San Fernando

O Alcalde, José López Orozco, expresou hoxe o apoio do Concello á continuidade do máster de Enxeñería Industrial, que se imparte na Facultade de Ciencias.

O Alcalde manifestou que xa falou do tema co Vicerreitor e tamén o vai facer co Reitor para pedirlle que “a Universidade faga un esforzo co obxecto de que ese máster se manteña na cidade e que sexa de calidade, que é compatible co traballo que desenvolve o Campus de Lugo”.

“Se fora necesario, a Universidade contará coa colaboración do Concello”, dixo López Orozco,  porque “nos logros que acadamos non debe haber marcha atrás”. O Alcalde tamén lle pediu “ó conxunto da sociedade que saia na defensa deste máster, que favorece ós alumnos de Lugo e supón unha aposta polo coñecemento”.

O Alcalde indicou, tamén, que o esforzo económico que supón a formación académica dos universitarios debe acompañarse de medidas para que os alumnos non teñan que buscar traballo fóra de Lugo e explicou que “por iso lle ofrecemos a nosa colaboración á Xunta para que se instalen empresas nas Gándaras e por iso pedimos que rebaixe o prezo do solo das parcelas no novo polígono empresarial”.

Auditorio e Cuartel de San Fernando

O Alcalde tamén declarou que “onte recibimos unha gran noticia, a adxudicación do tan desexado Auditorio de Lugo” que supón “un gran motivo de satisfacción porque, por fin, culminan tantas e tantas xestións” pero lembrou que aínda queda pendente o Centro da Romanización que se vai facer no Cuartel de San Fernando.

“Sería moi triste que un ben de interese cultural sofrira deterioro”, dixo o Alcalde, e “por iso pidolle á Xunta que axilice o máximo posible tanto o proxecto como a súa licitación, aínda que teño coñecemento que están traballando”.

Neste sentido,  López Orozco pediulle á Xunta “que, segundo onte nos deron a alegría do Auditorio, dentro de pouco nos dean a de ver rematado o proxecto do Cuartel de San Fernando”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova