Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello ofrécelle á Xunta facerse cargo da rehabilitación da fonte da Pinguela


# Venres, 15/04/2011
O Alcalde mandoulle unha carta ó Conselleiro de Cultura no que lle propón rehabilitar a fonte con cargo ó Plan Urban

Imaxe Asociada
O Alcalde, José López Orozco, remitiulle unha carta ó Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, na que ofrece a colaboración do Concello para rehabilitar a fonte da Porta Miñá, coñecida como fonte da Pinguela, segundo informou hoxe a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

A Concelleira explicou que “o Concello aposta pola recuperación do noso patrimonio, que é unha oportunidade cultural e económica para Lugo, e, por iso, consideramos necesario recuperar a fonte da Pinguela, que deixou a medio facer a Xunta”. Méndez lembrou que “parte do proxecto da Xunta xa está executado, concretamente a recuperación do manantial e do arco, pero queda pendente rehabilitar a propia fonte e tamén acondicionar a zona situada entre ela e a Muralla”.

Por este motivo, o Alcalde ofreceulle á Xunta que “se nos facilita o proxecto que xa ten redactado e autorizado, o Concello pode asumir os traballos con cargo ó Plan Urban”, segundo declarou a Concelleira de Economía, quen amosou a súa confianza en que a Consellería de Cultura dea unha resposta afirmativa a este ofrecemento do Goberno local.

Méndez manifestou que os labores de rehabilitación poderían empezar no verán e estarían rematados no mes de decembro xa que, segundo anunciou, “imos poñer en marcha de xeito inminente un obradoiro de cantería dentro do Plan Urban que se podería encargar da recuperación da fonte, baixo a dirección dun técnico cualificado, e tamén se licitaría o acondicionamento do espazo ata a Muralla con fondos do Urban”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova