Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As actividades do día do libro celebraranse o mércores 27 de abril


# Martes, 19/04/2011
A tradicional lectura da obra de Cervantes “El Quijote” levarase a cabo na Praza Maior de Lugo dende as 17.00 horas e ata 20.30 horas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, acompañada de Melina López, representante de Bookcrossing en Lugo, e a axente literaria Déborah Albardonedo, presentou esta mañá a programación de actividades previstas para a celebración do Día do Libro, que este ano celebrarase o vindeiro mércores día 27 de abril.

Como se ven desenvolvendo nos últimos anos, dende o ano 1998, a asociación cultural Ágora Lugo, en colaboración coa Concellería de Cultura, será a encargada de organizar a lectura da obra de Miguel de Cervantes “El Quijote”. O acto terá lugar o mércores 27 de abril dende as 17.00 horas e ata as 20.30 horas na arcada do edificio da Casa Consistorial que ademais, e segundo destacou a Concelleira de Cultura, durante este día acollerá unha exposición fotográfica que mostra a relación entre a gastronomía e a literatura. Nuria Mundiña animou a toda a cidadanía a participar na lectura aberta da obra máis universal da literatura castelán e aproveitar para “degustar” unha curiosa mostra fotográfica.

Para este mesmo día está previsto, ás 19.15 horas, no salón de plenos do Concello, a presentación do libro “El baile de las lagartijas”, de David de Juan. Segundo destacou a axente literaria Déborah Albardonedo, a obra deste xoven escritor foi galardoada co XXVIII Premio Internacional de Novela Ciudad de Valencia Vicente Blasco Ibáñez, e na súa presentación da cidade contará co apadriñamento do escritor lucense Pablo Núñez. Posteriormente o autor levará a cabo unha firma de exemplares do libro.

Como xa é tradicional na celebración do Día do Libro, a Praza Maior de Lugo acollerá os stands dalgunhas librerías da cidade, que ofertarán descontos nos seus libros durante esta xornada.

Tamén haberá, segundo anunciou a Concelleira de Cultura, unha liberación de libros en cinco centros municipais, o Centro de Interpretación da Muralla, a Casa da Música, a OIX (Oficina de Información Xuvenil), a piscina de Frigsa e a Biblioteca Municipal de Frigsa. A solta de libros será a partir das 11.00 horas.



O día seguinte, o xoves 28 de abril ás 19.30 horas, celebrarase unha charla no Centro Uxío Novoneyra onde se explicará en que consiste o Bookcrossing, sistema de liberación de libros. Segundo destacou Melina López, “o que se persegue coa solta de libros é facer do mundo unha biblioteca libre”, e animou a todos os interesados a achegarse ata esta charla para coñecer como funciona o Bookcrossing, unha solta de libros que xa conta na cidade con dous puntos de liberación fixos, a Piscina de Frigsa e unha cafetería da cidade. A representante en Lugo de Bookcrossing quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello de Lugo ao incorporar esta iniciativa nas actividades do Día do Libro, unha colaboración que permite que “os libros sigan vivindo nos ollos dos lectores que os poidan atopar”. Tras a charla informativa levarase a cabo unha nova solta de libros.





Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova