Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e a Fundación TIC promocionan grupos musicais lucenses coa gravación de maquetas


# Mércores, 20/04/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

No programa “Xoves con arte” poderán participar 20 grupos noveis e outros 20 que xa teñan disco no mercado. O prazo de inscrición será ata o 29 de abril

Bolseiros da Fundación TIC participarán na gravación, que terá lugar nos estudos de Arturo Vaquero en Friol. A Fundación editará dos CDs, que se distribuirán gratuitamente, e realizará vídeos musicais dos grupos participantes

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e o produtor e compositor, Arturo Vaquero, presentaron este mércores na Casa da Música o programa “Xoves con Arte”, que ten por obxectivo a promoción de grupos musicais da cidade a través da gravación de maquetas e a edición de dous CDs.

A gravación, que se realizará nos estudos “Abrigueiro” que Vaquero ten en Friol, contará coa participación de bolseiros da Fundación. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, felicitou á Fundación TIC “por recibir a idea que naceu na Concellería de Xuventude e nesta Casa. Levamos moitos anos procurando facer que a música da xente de Lugo sone e sone ben. De feito no San Froilán sempre procuramos que actuasen profesionais da cidade e da provincia. Agora temos esta oportunidade que non pode ser desperdiciada”. Neste senso, o rexedor municipal confirmou que “se intentará chegar a un acordo cos pubs e discotecas de Lugo e da provincia para que tamén poñan as maquetas e esta música se poida escoitar nestes ámbitos”.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación, Gómez Besteiro, subliñou que “deste xeito, os antigos alumnos da Escola de Imaxe e Son poderán completar a súa formación, de cara a súa inserción laboral, nuns estudos de calidade profesional”. O Presidente provincial salientou que con esta iniciativa tamén “apoiamos a artistas lucenses para que dean a coñecer os seus traballos e proporcionámoslles os medios necesarios que, polo seu alto custe, son de complicado acceso para eles”.

Os máximos responsables da Fundación e do Concello informaron ós representantes dos 15 grupos reunidos na Casa da Música deste convenio ó que poderán acollerse un máximo de 20 agrupacións noveis e outras 20 que xa teñan disco no mercado. Neste senso, as agrupacións que se deron cita foron as seguintes: Ripper Ground, JPA, Xenro, Arrithmia, Mullet, Batital, Mythical, Caivanca, Ghaita depedra, Psicolepsia, Meskalina, Moondogs Blues Party, Realeasing Chain, Paranoiz Zombie e Brea. Os interesados que queiran participar deberán estar inscritas no censo municipal de grupos musicais.

Bases de “Xoves con Arte”

Polo que se refire ós noveis, a convocatoria está destinada a aqueles grupos que ensaiaran nas tres últimas quendas das salas da Casa da Música. Os 20 primeiros en inscribirse gravarán unha maqueta cunha canción, que deberá ser orixinal. Con todos estes traballos editarase un CD.

O produtor de Friol felicitou ós organizadores pola iniciativa, xa que “hai 20 anos non existían oportunidades nin instalacións coma esta para gravar unha maqueta. Un disco é como unha foto para a vida. Ademais, é unha idea fantástica para os rapaces da TIC que fan prácticas, xa que poden aprender todo o proceso, dende a colocación do micro ata a produción final”.

O segundo CD recollerá cancións xa gravadas con anterioridade. Cada grupo incluirá unha peza, que deberá estar composta integramente por eles. Neste caso, se o número de solicitudes supera o de prazas, realizarase un sorteo aberto ó público. Ademais, a Fundación TIC realizará un vídeo musical por grupo. O material poderá ser utilizado polo Concello para campañas de difusión, sensibilización ou formación.

Os interesados teñen de prazo ata o 29 de abril para inscribirse. Para facelo, deben dirixirse á Oficina de Información Xuvenil do Concello de Lugo de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas. As bases poden consultarse na páxina web do Concello www.lugo.es


A TIC cos músicos de Lugo

A Fundación TIC xa colaborou na promoción doutros artistas lucenses con iniciativas como a gravación dos vídeos musicais “Torres de Compostela” da eurovisiva Lucía Pérez, que contribuíu á promoción da nosa provincia, ou “La búsqueda” do grupo pop-rock de Ribadeo, Escala Dinker. Tamén apoiou a celebración do festival de música alternativa “Viveiro Hardcore Assault!”, que se celebrou o pasado venres no municipio mariñano.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova