Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación de Lugo axilizan o traslado da UNED ó Hotel Miño


# Mércores, 20/04/2011
A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a licenza de demolición do bloque 2 e o luns a Deputación acordará a contratación destes traballos por valor de 89.000 euros

Neste espazo de 1.900 metros cadrados, construirase o aparcadoiro para os máis de 1.500 estudantes, e os 32 traballadores do Arquivo Provincial, da Axencia de Enerxía e dos talleres das brigadas de mantemento da Deputación

Ambas institucións fixan todos os prazos para realizar canto antes o traslado da UNED: a vindeira semana aprobarase o anteproxecto e en maio licitarase para comezar canto antes as obras


Quince días despois de que o Alcalde, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto con varios membros do Padroado da UNED inspeccionaran as instalacións do Hotel Miño e ós integrantes deste organismo desen o visto e prace á proposta do Alcalde de trasladar a sede oficial da Universidade a Distancia a ditas instalacións provinciais, Concello e Deputación axilizan os trámites necesarios para comezar canto antes cos traballos de adecuación.

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a concesión da licencia de demolición do bloque 2 á institución provincial, segundo informou a Delegada de Urbanismo, María Novo. Isto permitirá que, pola súa banda, a Deputación acorde o luns, na Xunta de Goberno provincial, a contratación destas actuacións por valor de 89.000 euros para, no prazo legal de 15 días, iniciar a demolición de dita infraestrutura. O prazo de execución estes traballos tamén será de 15 días.

O bloque 2 do Hotel Miño data do ano 70. Foi empregado exclusivamente, como vivenda dos traballadores do Hotel Miño. Segundo as avaliacións técnicas, a súa estrutura atópase moi deteriorada facendo imposible o seu arranxo. Por iso, derribarase o edificio, quedando unha superficie de 1.900 metros cadros onde se localizará o aparcadoiro dos máis de 1.500 estudantes cos que conta na actualidade a UNED, así como os 32 empregados do Arquivo Provincial, da Axencia da Enerxía e dos talleres da brigada de mantemento da Deputación. Este último persoal situarase no bloque 3 no que, a día de hoxe, seguen os traballos de mellora. Isto significa que, a totalidade do edificio número 1, uns 1.600 metros cadrados, quedan en beneficio do alumnado.

Seguintes prazos

Deputación e Concello teñen fixados os prazos de traballo para realizar canto antes o traslado da UNED ó Hotel Miño. Deste xeito, nos vindeiros días os arquitectos da UNED presentarán o plan de necesidades. Isto permitirá, tal e como anunciou Gómez Besteiro, aprobar o anteproxecto das obras de adecuación do bloque 1 a semana próxima. A principios de maio, licitaranse estes traballos facendo posible, segundo os prazos legais establecidos, iniciar a súa execución en xuño. Para elo, a Deputación habilitou, xa na sesión plenaria de marzo, unha partida orzamentaria de 1.320.000 euros logo de aprobar dunha proposta de remanentes de 25 millóns de euros.

O convenio da cesión do inmoble á UNED tamén se asinará en maio. Este acordo supón as seguintes vantaxes:
1.- Económica. Afórranse os 105.000 euros anuais que custa o aluguer do espazo na Cámara de Comercio onde na actualidade se sitúa a UNED.
2.- Espacial. Estas instalacións acollen a 1.500 alumnos, cifra en incremento constante que, segundo as previsións do Padroado, acadará os 2.000 en dous ou tres cursos.
3.- Cúmprese a obrigación de adaptar o centro ó novo marco universitario europeo.
4.- Contribúe a permanencia da sede, é dicir, consolídase a existencia da UNED en Lugo.

Posta en valor da zona

Ademais dos beneficios anteriores, o Alcalde lucense e membro do Padroado da UNED propuxo o traslado da sede oficial da Universidade ó Hotel Miño para potenciar, xunto co Plan Director de Deputación e Concello de Lugo, a posta en valor desta zona da capital.

O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións nas que nos se presentaron ofertas. Finalmente, ante a petición da Asociación Provincial da Hostalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Agora, Deputación e Concello de Lugo dan a este patrimonio público unha finalidade pública.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova