Imprimir

A CONCELLERÍA DE EDUCACIÓN PON EN MARCHA UNHA NOVA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA


26/4/2011 A actividade está dirixida ao alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, presentou esta mañá unha nova campaña de Animación á Lectura, dirixida ao alumnado de educación infantil e educación primaria, correspondente ao ano 2011.

Esta é a oitava edición desta iniciativa que parte dende a Concellería de Educación e que nesta ocasión está dividida en tres bloques ou actividades. Así, e segundo destacou Dolores Vieiro, con motivo da celebración escolar do Día Internacional do libro infantil o día 2 de abril, e o Día mundial do libro o día 23 do mesmo mes, a Concellería de Educación enviou unha selección de libros de literatura infantil como dotación para as bibliotecas dos centros públicos de educación infantil e primaria. En relación con esta celebración tamén se invitou ao alumnado de educación infantil e 1º ciclo de educación primaria ao espectáculo Titiricircus, do grupo de títeres Tanxarina, que terá lugar os días 27 e 28 de abril no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Segundo destacou a Concelleira de Educación, como en anteriores edicións, persoas relacionadas co mundo da cultura e da animación, levarán a cabo unhas sesións de contacontos que se desenvolverán nos Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria na semana do 2 ao 6 de maio. A finalidade desta iniciativa é, segundo destacou Dolores Vieiro, “promover e revitalizar a práctica da lectura, resaltar o valor da palabra oral e escrita, e fomentar o interese pola tradición literaria oral”. Os contadores que participarán na semana da oralidade, organizada pola Asociación Cultural Cucarandainas, son Marta Failde, Raquel Queizas, Inacio Vilariño, Fátima Fernández, Sherezade Bardaji e Esther Pedrouzo.

A terceira parte desta campaña de animación á lectura é a Quincena de arte de literatura infantil que se fai a través da Editorial OQO. Nesta ocasión a campaña terá como protagonistas os libros “Caixa de cartón”, “Fume” e “A sombra dos anacardios”, da colección Qontextos e “A caixa dos recordos” da colección O.

Segundo destacou Dolores Vieiro, a través desta colección de Qontextos, “Contararte 2011 permitiranos, ademais de traballar a creatividade plástica e a literatura infantil, abordar temas sociais que nos falan das desigualdades, da guerra ou de réximes antidemocráticos”. Os obradoiros realizaranse nestes centros o longo do mes de maio.


Obradoiros:

Paxariños de la e follas secas
Obradoiro de animación á lectura. 1º, 2º e 3º de Primaria
Para o desenvolvemento da actividade tomouse como base o libro “A caixa dos recordos”.
Actividades a realizar nos centros de ensino

Historias de cartón
Obradoiro de plástica creativa. 4º, 5º e 6º de Primaria
A partir do álbum “Caixa de cartón” abórdanse as desigualdades e as inxustizas sociais.

Qo artista
Encontro co ilustrador Chené Gómez. Director da ONGD Creart. Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.