Imprimir

O CONCELLO AMPLÍA A REDE DE COLECTORES SOTERRADOS DE LIXO NO CASCO HISTÓRICO


27/4/2011 A Xunta de Goberno Local acorda contratar a instalación de novos colectores en cinco lugares do centro con un presuposto de 227.000 euros

O Concello vai ampliar a nove a rede de colectores soterrados no casco histórico para prestar o servizo de recollida de lixo no centro da cidade disminuindo o impacto ambiental.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe abrir o procedemento de contratación para a subministración e instalación de contedores soterrados, unha actuación incluída no Plan Urban, co 70% de cofinanciamento da Unión Europea a través dos fondos FEDER. O presuposto do contrato será dun máximo de 227.048 euros, IVE incluído, e o prazo para a subministración e instalación dos contedores será de 40 días hábiles.

Segundo explicou o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, o proxecto consiste na instalación de cinco novas illas de colectores que se sumarán ás catro xa existentes na actualidade e o obxectivo é “dar unha solución que ten un menor impacto ambiental e reducir ó quita e pon de colectores entre as 20.00 e as 23.00 horas para recoller o lixo dentro de Murallas”.

González Dopeso explicou que se van instalar cinco illas de colectores na praza de Santo Domingo, Teniente coronel Teixeiro, Praza da Soidade, Xoan Montes e Nóreas e sinalou que “non foi fácil buscarlles ubicación por razóns arqueolóxicas”.

Tres das illas disporán de colectores de papel, vidro, residuos orgánicos e inorgánicos e as outras dúas serán máis pequenas e levarán colectores de residuos orgánicos e de inorgánicos.