Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo consigue a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para o Arde Lucus


# Xoves, 28/04/2011
A Concelleira de Xuventude mostrou a súa gran satisfacción por conseguir esta distinción no décimo aniversario desta festa

A celebración do Arde Lucus 2010 achegou a 460.000 persoas nunha fin de semana e conseguiu uns beneficios económicos estimados de 10 millón de euros

A festa do Arde Lucus foi declarada hoxe Festa de Interese Turístico Galego. Unha distinción que acada despois de que o Concello de Lugo, e como solicitude da Concellería de Xuventude, aprobase no pleno do mes de decembro, pedirlle á Xunta de Galicia esta distinción para o Arde Lucus.

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, mostrou a súa gran satisfacción e sinalou que “dende o Concello estamos moi contentos e satisfeitos por esta distinción, unha declaración que se conseguimos agora de feito, aínda que xa o é de dereito de hai moito tempo, porque todos os lucenses así o considerábamos”.

Rielo asegurou que esta distinción “é un orgullo e un indicativo de que as cousas se están facendo ben, sobretodo tendo en conta que a distinción conséguese antes de que a festa cumpra un dos requisitos, que é ter dez anos”. “Non hai mellor forma de celebrar o décimo aniversario do Arde Lucus, que precisamente se cumpre este ano”, destacou a Concelleira de Xuventude.

Arde Lucus

Dende a súa primeira edición no ano 2001, ata a novena celebrada neste 2010, o Arde Lucus foise consolidando como unha destacada festa de temática histórica.
 
460.000 persoas nunha fin de semana, unha ocupación hoteleira próxima ao 100%, uns beneficios económicos estimados de 10 millóns de euros e unha repercusión mediática que fixo eco do nome da nosa cidade a nivel nacional, son as cifras do Arde Lucus 2010.
 
Máis alá destas cifras obxectivas, o Arde Lucus ten un trasfondo sociocultural que non se debe esquecer. Un ocio de calidade asociado á orixe romana de Lugo que introduce un contexto único para a programación das actividades de lecer desenvolvidas nesa fin de semana e na semana previa.
 
A programación do Lucus Cultural, os eventos de recreación histórica incluídos no programa da festa e o interese dunha ampla porcentaxe da cidadanía participante que cada se esforza máis para que as súas vestimentas sexan fieis á época permitíronnos entrar na "Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas", á que pertencen outras celebracións de diferentes puntos de España que xa gozan do recoñecemento de “Festas de Interés Turístico Autonómico” e “Fiestas de Interés Turístico Nacional”.

O Arde Lucus converteuse nun referente para Lugo, implicando a todos os sectores da cidadanía, como o demostran as 9 empresas patrocinadoras ou os preto de 850 alumnos e alumnas, pais e nais e profesorado de 10 CEIPS da cidade que participaron activamente en espectáculos e desfiles, as 7 asociacións creadas a partir da festa ou as outras 7 asociacións que participan activamente na mesma.

www.ardelucus.com

 



Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova