Cargando....
Concello de Lugo
21/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación converterán o Hotel Miño no centro referencial da UNED do noroeste de España


# Venres, 29/04/2011


Imaxe Asociada

- Terá 1.993 m2 e 4 pisos logo de facer da terraza unha pranta cuberta onde se situarán os laboratorios e o salón de actos; unha biblioteca o triple ca actual, con conexión a Internet de 10 megas; así como 16 aulas con tabiques móbiles para acoller a 200 persoas

- A Xunta de Goberno provincial aprobou a demolición do bloque 2 para construír un aparcadoiro de 1.900 m2 con 92 prazas

- Besteiro avanzou que a semana próxima estará o anteproxecto, en maio licitaranse as obras e en xuño executaranse, mentres Prieto amosou a súa intención de que, en xaneiro, as clases se celebren na nova sede


A proposta do Alcalde de Lugo, José López Orozco, de converter o Hotel Miño en sede da UNED deu un novo paso. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Director da UNED en Lugo, José Luís Prieto, xunto a técnicos provinciais e do centro universitario, regresaron este venres ó Hotel Miño para determinar as súas necesidades de cara a axilizar o traslado da sede oficial da Universidade a Distancia. Unha vez avaliadas “in situ” as instalacións e constatadas as súas posibilidades, a comitiva acordou as características da nova sede. Segundo Luís Prieto, a UNED de Lugo será “o centro de primeiro nivel en Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca”, converténdose no centro referencial do noroeste de España.

O organismo provincial aprobou xa no Pleno de marzo unha partida orzamentaria de 1.320.000 euros para a adecuación do bloque número 1 na súa totalidade. Son en total 1.993 metros cadrados que, logo dos traballos pactados nesta visita entre ambas as dúas institucións e que executará a Deputación, quedarán distribuídos en 4 prantas:

- Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.
-Na primeira pranta (536 m2) haberá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.
- Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.
- A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.



Construción do aparcadoiro
No plan de necesidades redactado pola UNED contémplase a construción dun aparcadoiro. A este respecto, Besteiro avanzou que na Xunta de Goberno de hoxe xa se aprobou o proxecto de demolición do bloque 2 para este fin. En 15 días, o organismo provincial contratará estas actuacións, dotadas de 89.000 euros, facendo posible a súa inmediata execución. Isto permitirá, que nun mes, esté preparada unha superficie de 1.900 metros cadrados onde crear un aparcadoiro de 92 prazas.
Será un espazo que empregarán os máis de 1.500 estudantes e os 32 traballadores das brigadas de mantemento da Deputación, Arquivo Provincial e Axencia da Enerxía. Estes últimos profesionais situaranse no bloque 3.

Prazos
Gómez Besteiro destacou o feito de que Deputación e UNED xa acordasen as características do centro universitario “xa que isto permitiranos ter listo a semana que vén o anteproxecto”. Co fin de axilizar o traslado, o Presidente avanzou que o organismo provincial licitará as obras no mes de maio para comezar a executalas en xuño. O Director da UNED en Lugo expresou a súa intención de estar afincado nas novas instalacións o vindeiro mes de xaneiro.

Vantaxes do traslado
O Alcalde de Lugo e Vicepresidente do Padroado da UNED, José López Orozco, propuxo o traslado da universidade ó Hotel Miño. O Presidente apoiou a iniciativa polas súas vantaxes: aforro dos 105.000 euros anuais que custa o aluguer da zona na Cámara de Comercio onde na actualidade se sitúa a UNED; maior espazo para acoller os máis de 1.500 alumnos que, segundo as previsións do Padroado, superarán en dous cursos os 2.000; cumprimento da obriga de adaptar o centro ó novo marco universitario europeo; contribución á permanencia da sede, é dicir, consolidación da existencia da UNED en Lugo; e, xunto co Plan Director do Río Miño de Deputación e Concello de Lugo, posta en valor da zona.

Hotel Miño
O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións nas que nos se presentaron ofertas. Finalmente, ante a petición da Asociación Provincial da Hostalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Agora, Deputación e Concello de Lugo dan a este patrimonio público unha finalidade pública.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova