Imprimir

O VINDEIRO LUNS FALLARASE O CONCURSO DE DEBUXO DE EDUCACIÓN VIARIA CONVOCADO POLO CONCELLO DE LUGO


30/4/2011 Na décima edición do certame participaron 33 centros escolares galegos

O décimo Concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo convocado polo Concello fallarase o vindeiro luns, día 2 de maio.

Nesta edición, o concurso tivo unha gran repercusión na comunidade escolar galega xa que participaron nel 33 centros educativos de toda Galicia que presentaron 782 debuxos en todas as categorías.

As bases do certame establecen as seguintes categorías: para alumnos de 1º, 2º e 3º de primaria; para alumnos de 4º,5º e 6º de primaria; para alumnos de 1º,2º e 3º de secundaria; para alumnos de 4º de secundaria, 1º e 2º de bacharelato e para alumnos de Educación Especial.

Segundo as categorías, os primeiros premios consistirán en ordenador portátil ou bicicleta e casco; os segundos, nunha minicadena musical ou bicicleta e casco e os terceiros premios consistirán nun trofeo. Todos os escolares e colexios participantes no certame recibirán un diploma acreditativo. Ademais, os centros escolares con maior calidade artística e con maior participación recibirán trofeo e diploma.

O xurado, presidido pola Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, reunirase ás 11.00 nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico do Concello de Lugo.