Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Este verán quedará á vista a piscina romana de Santa María que leva séculos soterrada


# Martes, 03/05/2011

O Concello traballa na restauración e valorización deste tesouro arqueolóxico de Lugo que financia o Plan Urban con achegas municipais, da Deputación e a Unión Europea



Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

As obras de recuperación teñen un orzamento de case 105.000 euros e o proxecto custou case 18.000 euros

A piscina de 3,5x1,80 metros é dos séculos III-IV, foi descuberta no ano 1960 e non se volvera ver

Non se sabe con exactitude se pertencía a unhas termas públicas ou era dunha mansión


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo, inspeccionou esta mañá a marcha dos traballos de recuperación da piscina romana da praza de Santa María.

O Alcalde salientou a importancia deste tesouro do pasado romano da cidade de Lugo e sinalou que os traballos, que se levan a cabo grazas o Plan Urban, financiado polo Concello, a Deputación e a Unión Europea, suporán a recuperación doutra destacada peza do noso patrimonio.

López Orozco indicou que, cando finalicen os traballos, contra finais do mes de xuño, a piscina quedará á vista e vai ser un aliciente máis para os lucenses e quenes nos visitan, xunto coa Muralla, as Termas, os restos do Acueducto, o Río Miño, Santa Eulalia de Bóveda e o Castro de Viladonga.

O Alcalde tamén anunciou que se farán unhas xornadas de portas abertas para que poida ser visitada polos lucenses e, cando acaben os traballos de recuperación, a piscina quedará cuberta cun vidro para que sea visible e instalarase un panel explicativo.

O arqueólogo e restaurador Miguel Angel López explicou que se trata dunha piscina tardorromana, dos séculos III ou IV. As súas dimensións aproximadas son de 3,5x1,80 metros. É rectangular, ten dous ábsides e un escalón de acceso e calcúlase que a súa capacidade é de case 4.000 litros de auga. Tamén sinalou que “probablemente era dun particular”.

A xefa do servizo de arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, pola súa parte, explicou que “non coñecemos arqueolóxicamente o contorno no que se sitúa, polo que non podemos dicir se formaba parte dunhas termas ou dunha grande mansión”. Carreño subliñou que “tampouco estamos seguros de se sería un baptisterio ou o frigidarium dunhas termas públicas, mesmo pode ser que tivera usos distintos ó longo do tempo e, posiblemente, na última época foi usada como fonte pública ó aire libre, porque non se conserva o mosaico completo”. A xefa de arqueoloxía amosou a súa confianza en que “unha vez que remate o labor de restauración e limpeza, se poida establecer a función que cumpriu”.

A piscina romana emprazada na praza de Santa María foi descuberta no ano 1960 pero, como daquela non se podía extraer, optouse por conservala in situ, foi tapada con area, e ata agora non se volvera ver.

Durante este tempo, só se coñecía polas fotografías que se fixeran cando foi descuberta. Segundo a restauradora Rosa Benavides, “o vaciala vimos que había algúns pequenos cambios respecto ás fotografías” e sinalou que “está bastante ben conservada”.

No ano 2004, con motivo dunhas obras de remodelación do pavimento que se fixeron na praza, detectouse a súa ubicación exacta.

O Concello encargou o ano pasado o proxecto para a recuperación e posta en valor deste patrimonio arqueolóxico a unha empresa especializada Tomos Conservación y Restauración, por un importe de 17.748 euros. Posteriormente adxudicou as obras a Terra Arqueo, outra empresa especialista en escavacións arqueolóxicas, cun presuposto de 104.994.

Os traballos de recuperación da piscina romana comezaron o pasado mes de marzo.

www.lugo.es/urban/piscina.html

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova