Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Benestar Social reclámalle a Feijóo que faga unha residencia para os maiores de Lugo aproveitando as instalacións do vello Hospital


# Martes, 03/05/2011


Imaxe Asociada

O 20% da poboación de Lugo supera os 65 anos, desde hai 30 anos non se crea unha residencia pública e hai 55 maiores por cada praza pública en residencias do concello

Basadre cifrou en 300 os postos de traballo que se crearían en Lugo cunha nova residencia que tamén contribuiría a dinamizar o barrio do vello Hospital


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, instou hoxe ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a atender as necesidades dos maiores de Lugo e emprazouno a anunciar a creación dunha residencia nas instalacións do vello Hospital aproveitando a súa participación na apertura da campaña electoral do PP.

Basadre lembrou que hai máis de 30 anos que non se fai unha residencia pública para maiores en Lugo, un concello no que “por cada praza en residencia pública hai 55 persoas que superan os 65 anos de idade”.

A Concelleira de Benestar Social explicou que as dúas residencias públicas existentes na cidade, a das Gándaras e a da Milagrosa, dispoñen de 370 prazas e no concello viven orredor de 20.000 veciños que teñen máis de 65 anos, que representan o 20% da poboación de Lugo. Ademais, Basadre sinalou que o número de lucenses maiores de 60 anos que viven sós é de 4.680 e, no caso dos que superan os 81 anos e viven sós, a cifra é de 1.734.

Para a Concelleira de Benestar Social, “estas cifras son xustificación suficiente para que volvamos reivindicar a creación dunha residencia aproveitando as instalacións do vello Hospital, onde podería haber atención diúrna, nocturna, servizo de respiro familiar, residencia e ata apartamentos tutelados para persoas válidas que necesitan coidados específicos”.

Carmen Basadre considerou que a creación da residencia nas instalacións do vello Hospital tamén contribuiría á creación de emprego e a dinamizar un barrio que esmorece desque foi abandonado o edificio hospitalario.

“No Concello temos 8.900 preocupacións, tantas como parados hai en Lugo e a creación da residencia permitiría crear orredor de 300 postos de traballo”, indicou a Concelleira quen se preguntou “¿cales son as prioridades de Feijóo?”.

“Eu non me cansarei de reivindicar estas dotacións para Lugo, porque temos unha sociedade cada vez máis envellecida e é necesario crear eses servizos, no lugar de ter o vello Hospital vallado e vixiado por gardas de seguridade ou é que só agardan a que pasen as eleccións para quitar dalí a seguridade?”, manifestou Basadre.

“É unha demanda que lle facemos en representación de todas as persoas maiores de Lugo”, recalcou a Concelleira.

Basadre indicou que “hai un barrio en Lugo no que había un Hospital e agora necesita ter vida, as instalacións xa están feitas, basta con adecualas, e non é necesario buscar un lugar para unha nova residencia noutra zona da cidade”. Tamén sinalou que “nós temos alternativa, o balón agora está no lado de Feijóo”. 


 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova