Imprimir

ENTREGA DE DIPLOMAS AO PROFESORADO QUE PARTICIPOU NOS OBRADOIROS "EDUCANDO EN IGUALDADE"


4/5/2011

O Alcalde de Lugo, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, e un representante da USC fixeron entrega dos diplomas certificados aos mestres que participaron nos obradoiros “Educando en Igualdade”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e un representante da USC, recibiron esta tarde no Salón de Plenos da Casa Consistorial aos representantes dos centros escolares que participaron nos obradoiros “Educando en Igualdade”, que se levaron a cabo en 17 centros escolares de Lugo.

Hoxe, o profesorado que participou neste obradoiro de igualdade, recibiu un diploma certificado da súa asistencia e participación no programa. O Alcalde quixo agradecer o traballo e a gran labor desenvolta polo profesorado, “que educa dende a base con principios e valores”, e destacou “que se trata dun traballo imprescindible, que despois debe continuar na propia familia”.

Os programas “Educando en Igualdade”, no que Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, colabora co sindicato FETE-UGT, pretenden que tanto o profesorado como o alumnado adquira valores de respeto, diversidade, identidade, igualdade ou tolerancia, así como de coeducación, un pilar básico na educación nos valores.