Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo arrinca a próxima semana con tres concertos adicados ao barroco e á canción


# Xoves, 05/05/2011


Imaxe Asociada
A próxima semana, o martes 10 de maio, comeza a trixésimo novena edición do decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) que as próximas catro semanas encherá de música a cidade cos quince concertos (incluíndo 2 concertos familiares e para nenos, dentro dunha programación cuxas premisas básicas son a calidade e a variedade) que se celebrarán ata o 2 de xuño en diferentes lugares como o Círculo das Artes, o Conservatorio Profesional de Música e a sede da Fundación Caixa Galicia.

A música barroca e a canción serán protagonistas dos tres interesantes concertos programados para esta primeira semana de actividades. Sen dúbida, dúas das grandes citas desta nova edición deste Festival de Música Cidade de Lugo son precisamente a súa inauguración e a súa clausura. Protagonistas do concerto de inauguración que comezará ás 20:30 do martes 10 no Círculo das Artes, serán dúas cantantes catalanas especializadas e que gozan de sólida reputación no mundo da música antiga e barroca: a soprano Nuria Rial e a mezzosoprano Marta Infante. Xunto á agrupación Vespres d’Arnadì que dirixe Daniel Espasa, dedican o seu concerto a un dos grandes mestres do barroco, a Haendel, e ás súas cantatas e arias de ópera.

Este Festival de Música Cidade de Lugo tamén acolle (Círculo das Artes, xoves 12 de maio, 20:30) o debut en España de Njabulo Madlala, un barítono surafricano formado en Londres que gañou o pasado ano o primeiro premio dos prestixiosos Kathleen Ferrier Awards e que seguro dará moito que falar nos próximos anos. Na compaña de luxo do pianista inglés Roger Vignoles (internacionalmente recoñecido como un dos músicos e pianistas acompañantes máis distinguidos do mundo), cantará un descriptivo e variado programa liederístico titulado Camiños, paisaxes e sentimentos que inclúe cancións de Duparc, Mahler, Schumann, Vaughan Williams e Richard Strauss. O programa contén cancións tan fermosas como Morgen (Mañá) de Strauss, Phidylé de Duparc, Du bist wie eine Blume (Es coma unha flor) de Schumann e non se esquece de lembrar ao compositor Gustav Mahler no centenario da súa morte co seu ciclo de Cancións dun camarada errante. Ademais ten o aliciente de poder descubrir, como remate ao concerto, as cancións populares do país de orixe de Njabulo Madlala, Suráfrica.

A actividade desta primeira semana do Festival de Música Cidade de Lugo remata o venres 13 de xullo (20:30) no salón de actos da Fundación Caixa Galicia co concerto de Harmonia Artificiosa, unha agrupación galega que dedicará o seu concerto a ilustrar o nacemento do xénero da cantata no século XVII. O interesante e fermoso programa inclúe obras de moitos dos máis salientables compositores italianos do Seicento: Monteverdi, Sances, Strozzi e Ferrari. Esta nova agrupación galega estará formada nesta ocasión por dúas sopranos, a pontevedresa Ana Jesús Sánchez e a portuguesa Manuela Lopes de Castro, o clavecinista Diego Fernández (natural de A Guarda), o tiorbista ourensán Juan Manuel Vázquez e o gambista vigués Baldomero Barciela.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 1: Inauguración
Il duelo amoroso: cantatas italianas e arias de ópera de Haendel
NÙRIA RIAL soprano
MARTA INFANTE mezzosoprano
VESPRES D’ARNADÍ orquestra barroca
DANIEL ESPASA director
Martes 10 de maio de 2011
Círculo das Artes
20:30
Entrada libre




Concerto 2
Camiños, paixases e sentimentos
NJABULO MADLALA barítono
ROGER VIGNOLES piano
Cancións de Duparc, Mahler, Vaughan Williams, Schumann, Strauss e populares surafricanas
Xoves 12 de maio de 2011
Círculo das Artes
20:30
Entrada libre




Concerto 3
Chi sa amar?: o nacemento da cantata no século XVII
HARMONIA ARTIFICIOSA
obras de Monteverdi, Sances, Strozzi, Ferrari
venres 13 de maio de 2011
Fundación Caixa Galicia
20:30
Entrada libre






Resumo xeral do festival

Trinta e nove anos de longa historia cumpre o decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo, tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus e cada ano que pasa máis coñecido e respectado. Máis de tres semanas de música ­­–trece concertos e dous concertos familiares e para nenos– enchen unha programación cuxas premisas básicas son a calidade e a variedade.

Coma en anos anteriores, a ampla oferta lírica está garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Sergei Leiferkus, Roberta Invernizzi, Nùria Rial, Marta Infante ou Njabulo Madlala. Así, dúas das grandes citas desta nova edición deste Festival de Música Cidade de Lugo son precisamente a súa inauguración e a súa clausura. Dúas cantantes catalanas especializadas e que gozan de sólida reputación no mundo da música antiga, a soprano Nùria Rial e a mezzosoprano Marta Infante, protagonizan xunto á agrupación Vespres d’Arnadì o primeiro concerto, dedicado a un dos grandes mestres do barroco, Haendel, e as súas cantatas e arias de ópera. De acontecemento pode calificarse o concerto de presentación en Galicia dun dos nomes máis senlleiros da lírica mundial nas últimas décadas: o barítono ruso Sergei Leiferkus cantará para o público lucense un programa integramente ruso, sen dúbida a súa gran especialidade, con cancións de Tchaikovski, Rachmaninov e Mussorgski.

Outro dos grandes nomes propios deste ano é o da soprano italiana Roberta Invernizzi, cantante con personalidade e sensibilidade exquisita, que ofrecerá un fermoso programa dedicado ao século XVII italiano na compaña do arpista compostelán Manuel Vilas e o tiorbista norteamericano Craig Marchitelli. E a oferta do festival aínda garda outro debut, a primeira actuación en España de Njabulo Madlala: un barítono surafricano que seguro dará moito que falar nos próximos anos e que, na compaña de luxo do pianista inglés Roger Vignoles, cantará un descriptivo e variado programa liederístico titulado Camiños, paisaxes e sentimentos que inclúe cancións de Duparc, Mahler (lembranza no centenario da súa morte), Schumann ou Richard Strauss e remata con cancións populares do país de orixe de Njabulo Madlala.

A música barroca e antiga centra boa parte do interese deste Festival de Música Cidade de Lugo 2011 e neste eido cómpre salientar a actuación do Insieme Strumentale di Roma que dirixe o violinista Giorgio Sasso: máis que interesante é o programa dedicado a unha das coleccións de concertos máis importantes de todos os tempos, L’Estro Armonico de Vivaldi, seleccionado por esta agrupación italiana que debuta en España. O dúo de viola da gamba e clave formado poño barcelonés Santi Mirón e a estona Marju Vatsel céntranse na música galante do tempo do fillo máis famoso de Bach, Carl Philipp Emanuel Bach. E por outra banda, unha agrupación galega, Harmonia Artificiosa, dedica o seu concerto a ilustrar o nacemento do xénero da cantata no século XVII.

Pero tampouco esquecemos a música contemporánea e a creación actual, protagonista de dous dos concertos do festival. O primeiro o do dúo de violín e percusión formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz: Na procura dunha nova tímbrica... é o título dun programa de vangarda que inclúe obras de dous autores galegos, o compostelán Fernando Buide e o lituano afincado na nosa terra Karolis Biveinis. A segunda cita coa música dos nosos días é o singular programa ideado polo percusionista galego Diego Ventoso, Contrapunto eléctrico, para o que conta coa colaboración do Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Nas cinco últimas edicións, o piano converteuse nunha das apostas máis sólidas do festival, que este ano organizou catro concertos que, sen dúbida, ofrecerán unha ampla visión das posibilidades dos instrumentos de teclado. Comezando polo fortepiano, antecesor dos instrumentos actuais, no recital de Patricia Rejas dedicado á familia Bach. O piano a catro mans estará representado polo Dúo Scaramouche e un programa dedicado integramente a compositores galegos, mentres que Julio Mourenza dedicará o seu concerto a dous grandes mestres como son Schubert e Debussy. A estes intérpretes galegos engadimos a un asturiano, o clavecinista Aaron Zapico: abandeirado da nova xeración de interpretes de música antiga españois como solista e director do conxunto Forma Antiqva, o seu fermoso e atrainte programa ofrece unha ampla mostra de autores italianos, alemáns, ingleses...

E por último, e non por iso menos menos importante, a achega do festival pensando no futuro, nos nosos rapaces: o “Corpus dos Nenos” que este ano inclúe dous concertos en familia e un taller de danza. Monicreques e música únense no espectáculo titulado Valentino, un conto musical que estará a cargo do quinteto de ventos Pentafonía e a compañía de títeres Seisdedos. Danza e música combínanse na dobre iniciativa da agrupación Saor en Danza para este ciclo: comezando pola mañá cun taller de danza para rapaces dirixido por Dolores Fojón e rematando pola tarde cun concerto pensado para toda a familia no que a danza renacentista conta cun protagonismo especial.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova