Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o espectáculo que será un dos grandes atractivos do Museo Interactivo da Historia de Lugo


# Xoves, 05/05/2011
O Alcalde asistiu á presentación dun dos principais contidos do Museo Interactivo que se proxectará no solo e nunha pantalla de 30 metros de base e 10 de alto con forma de semicírculo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu, acompañado pola Concellería de Economía e Emprego, Sonia Méndez, á presentación dun dos contidos máis espectaculares do Museo Interactivo da Historia que correu a cargo de Manuel Coronado, creativo de instalacións e espectáculos multimedia.

O Alcalde salientou que o edificio do Museo Interactivo da Historia constituirá un atractivo máis para Lugo, “que se sumará á Muralla ou a Catedral e a todo o que nos deron a Natureza e a Historia”.

O Alcalde sinalou que “todas as cidades que apostaron por equipamentos coma este atinaron” e mencionou o caso da cidade da Coruña e a súa rede de museos científicos.

Para López Orozco, o MIHL será unha referencia “tanto para os que queiramos aprender ou recordar a nosa historia como para quenes nos visiten” e sinalou que o seu atractivo radicará tanto nos contidos deste Museo como na súa arquitectura, obra do prestixioso equipo de arquitectos Nieto-Sobejano, gañadores do concurso de ideas que convocou o Concello.

O Alcalde indicou que o edificio do MIHL xa está practicamente rematado e os seus contidos estarán listos no mes de xuño.

O elemento máis chamativo dos contidos que se poderán ver no novo Museo de Lugo instalarase nun grande espazo de 600 metros, “un espazo envolvente no que rematará a visita ás instalacións”, segundo explicou Manuel Coronado.

O espectáculo, duns 15 minutos de duración, proxectarase tanto nas escaleiras de acceso á caixa negra coma nas paredes e solo da mesma, de xeito que “se integrará ó público dentro do espectáculo, porque a idea é que o público se vexa metido dentro da proxección”.

O público asomarase primeiro a un balcón desde o que se verá a vía láctea e logo irá baixando por unhas escaleiras “para sumirse na historia de Lugo, que será tamén un resumo da historia que puideron ver antes no Museo”.

As proxeccións faranse nunha parede semicircular de 30 metros de base e 10 metros de alto e tamén no solo. Para elo disponse de sete grandes proxectores e dezaoito puntos de son.

As imaxes das que consta o espectáculo, que se poderán ver en grupos dunhas cincuenta persoas, comezan cun bosque suxerente e rematan cunha recreación da Muralla na que as pedras están compostas por centenares de caras de persoas, explicou Coronado, quen sinalou que “con este espectáculo non se trata de dar datos eruditos senón de crear emoción nos visitantes”.

www.lugo.es/ws/mihl

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova