Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Cantatas e arias de ópera de Haendel no concerto inaugural do Festival de Música Cidade de Lugo 2011


# Luns, 09/05/2011
O concerto de inauguración da XXXIX Semana do Corpus, que organiza a Concellería de Cultura, será mañá martes ás 20.30 horas no Círculo das Artes

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local

Sen dúbida, dúas das grandes citas desta nova edición deste Festival de Música Cidade de Lugo son precisamente a súa inauguración e a súa clausura. Protagonistas do concerto de inauguración que comezará ás 20.30 horas de mañá martes, día 10 de maio, no Círculo das Artes, serán dúas cantantes catalanas especializadas e que gozan de sólida reputación no mundo da música antiga e barroca: a soprano Nuria Rial e a mezzosoprano Marta Infante. Xunto á agrupación Vespres d’Arnadì que dirixe Daniel Espasa, dedican o seu concerto a un dos grandes mestres do barroco, a Haendel, e ás súas cantatas e arias de ópera. As cantatas que Haendel compuxo durante a súa etapa italiana representan pequenas óperas de peto cheas de paixóns contrastantes, e moita da música incluída nestas cantantas foi reutilizada polo propio Haendel nas súas grandes óperas compostas máis tarde en Londres cando era o operista máis célebre de Europa na primeira metade do século XVIII.

Nada en Manresa, a soprano Nùria Rial completou a súa formación na prestixiosa Schola Cantorum de Basilea e sen dúbida é unha das cantantes españolas que goza de maior reputación no repertorio barroco. Invitada aos máis importantes festivais e auditorios europeos, Nùria Rial colabora habitualmente con directores da talla de Paul Goodwin, Gustav Leonhardt, Rene Jacobs, Fabio Bonizzoni, Thomas Hengelbrock, etc. Nada en Lleida, a mezzosoprano Marta Infante é unha cantante moi experimentada no mundo do lied e da música antiga que se formou como cantante na República Checa. O clavecinista tarraconense Daniel Espasa creou a orquestra barroca Vespres d’Arnadí para dar vida a música dese período baseándose en criterios interpretativos e estéticos apuntados nas fontes históricas musicais, literarias e artísticas da época. Os membros de Vespres d’Arnadí son colaboradores habituais de prestixiosas agrupacións como Les Talens Lyriques, Le Concert des Nations, Accademia Bizantina, La Chapelle Royal ou a Orquestra Barroca de Friburgo.
Este concerto inaugural do Festival de Música Cidade de Lugo supón a primeira actuación en Galicia de Vespres d’Arnadí.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local.



Concerto 1: Inauguración
Il duelo amoroso: cantatas italianas e arias de ópera de Haendel
NÙRIA RIAL (Soprano)
MARTA INFANTE (Mezzosoprano)
VESPRES D’ARNADÍ (Orquestra barroca - Debut en Galicia)
DANIEL ESPASA (Director)




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova