Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Mañá desenvolverase a actividade educativa "Matemáticas na Rúa"


# Luns, 09/05/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Preto de 400 alumnos de 5º e 6º de Ensinanza Primaria e 1º, 2º, 3º e 4º de Ensinanza Secundaria participarán nesta experiencia educativa que se desenvolverá ao longo da xornada de mañá en distintos puntos da cidade

Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, os rapaces e rapazas asistirán a unha sesión de “matemáticas divertidas” no Auditorio Gustavo Freire


A Concellería de Educación, que dirixe Dolores Vieiro, desenvolverá, un ano máis, a actividade “Matemáticas na Rúa”, unha experiencia educativa que xunto con “Vivir xuntos, convivir” e “Hortos na escola”, obtiveron o recoñecemento internacional por parte da Asociación Internacional Cidades Educadoras pola súa política educadora.

A actividade celebrarase durante a xornada de mañá, martes día 10 de maio, a partir das 10.30 horas, e desenvolverase no adarve da Muralla, xardíns, rúas, portas e prazas máis emblemáticos do casco histórico de Lugo.

Matemáticas na Rúa 2011

De todos é sabido que as Matemáticas teñen o estigma de disciplina difícil e aburrida tan so válida para uns poucos privilexiados. Unha das frases máis socorridas para se desculpar, e “blindarse” ante os demais, é “son de letras”, o que nos libera de responsabilidades ante a imposibilidade de resolver satisfactoriamente calquera cuestión matemática de certa complexidade. É certo que as matemáticas, como calquera outra ciencia, esixe traballo e disciplina,non obstante a satisfacción intelectual que supón resolver algún dos seus problemas recompensa con creces o esforzo, esa recompensa é non só para o matemático profesional ou afeccionado, senón que tamén o é para todo aquel que nalgún momento consegue chegar á solución do reto que se propuxo resolver. Todas as cuestións de tipo lóxico e recreativo teñen no seu fondo un claro contido matemático que está presente, aínda que no momento no que está a encontrar a solución a xente non é totalmente consciente del.

Matemáticas na Rúa é unha actividade coa que se busca outro xeito de acercar as matemáticas á xente, non só ós/ás adolescentes senón tamén as persoas maiores. Os grupos de participantes, enchendo de cor e de ledicia as rúas da cidade, resolvendo problemas de corte matemático no medio da xente, fai que aflore o interese por parte de todos en descubrir as solucións aos problemas propostos.

As matemáticas de manipulación son unha das actividades que presentan un maior aliciente contra os grandes inimigos da reflexión e da obtención de coñecemento, como poden ser a televisión, e os videoxogos. O obxectivo último de esta actividade é:
“Aprender matemáticas de forma dinámica, divertida e interactiva, demostrando que é posible achegarse ás matemáticas sen medo ó fracaso, interactuando co coñecemento da cidade por parte tanto dos alumnos que nela residen como os que son visitantes ocasionais”.

Con esta actividade facilitamos aos estudantes unha serie de ferramentas matemáticas, especialmente de manipulación, novas e recreativas, que axudarán a acadar as competencias básicas mencionadas no currículo da ESO. Ademais de fomentar o gusto por coñecer a nosa cidade, o seu pasado e o seu presente. Tamén queremos contribuír a impulsar, ao coñecemento da nosa cidade por parte dos nos xoves xunto coa creación de estruturas de divulgación e difusión das matemáticas mediante a mostra de materiais didácticos, xogos matemáticos e procedementos que axuden a espertar e avivar o interese do alumnado no gusto polas Matemáticas e lles sirva aos profesores como recurso na aula.

Con actividades deste corte conséguese que nos Centros educativos se vaian impoñendo pouco a pouco actividades parecidas co que isto representa para a difusión das matemáticas, e a mellora nun maior número de competencias, entre outras: a competencia matemática, a comunicación lingüística, a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico, a competencia social e cidadana, a competencia cultural e artística, a competencia para aprender a aprender e a de autonomía e iniciativa persoal. En resumo, Matemáticas na Rúa 2011 é unha actividade lúdico – educativa que consiste en realizar un circuíto matemático dentro do casco amurallado da cidade de Lugo.

Os seus obxectivos son:
Recoñecer, analizar e mellorar as estratexias de aprendizaxe necesarias para desenvolver as tarefas previstas.
Traballar de forma cooperativa, valorando as actitudes positivas que facilitan a convivencia, o traballo en común e a toma de decisións.
Analizar o traballo propio e alleo, avaliando os aspectos positivos e negativos o tempo que se fan propostas de mellora.
Axudar na mellora das competencias básicas adquiridas polos alumnos e alumnas participantes.

Contidos:
Números: Cálculo mental, calculadoras.
Xeometría 2D: Puzzles e tangrams planos.
Xeometría 3D: Puzzles 3D, Estructuro, Xeodésicas.
Lóxica: Problemas de lóxica.
Xeometría dinámica: Simetrías. Xogos con espellos
Mosaicos: Construción de mosaicos.
Literatura: Lecturas matemáticas, tanto en prosa como en verso.
Xeometría dinámica: Translacións, simetrías, reflexións.
Medida: Obtención de medidas de diferentes obxectos, tanto lineais, planos e cúbicos.
De carácter xeral: Descubrir as matemáticas inmersas na cidade nos rodean pero non somos quen de velas na vida cotiá.

Lugar de Celebración: Adarve da Muralla, xardíns, rúas, portas e prazas máis emblemáticos do casco histórico de Lugo.

Participantes: Matemáticas na Rúa está dirixida a todo o alumnado do 3º Ciclo de Primaria, e de Educación Secundaria dos centros educativos da provincia de Lugo. Os equipos estarán formados por catro (4) alumnos do mesmo ciclo, e catro (4) equipos formarán un grupo que se será unha unidade de desprazamento pola cidade.

Desenvolvemento da proba: Durante o desenvolvemento da proba cada grupo realizará, unido, o percorrido entre as distintas estacións e irá acompañado polos seus profesores. Buscarán as pistas da seguinte estación, tamén xuntos, e soamente cando cheguen ao lugar de realización das probas, farano como equipos independentes.
Cada equipo deberá resolver as probas que os monitores lle propoñan en cada estación. O tempo máximo para a resolución de cada proba levará incluído o tempo de traslado dunha estación a outra.

Estacións: Cada estación estará formado por “mesas” atendidas por monitores que serán os encargados de axudar ós alumnos no desenvolvemento da proba e de anotar as puntuacións dos diferentes equipos; con elas elaboraranse as clasificacións.
Nas mesas haberá diferentes xogos: xeométricos, de simetrías, tangrams, puzzles matemáticos, problemas de enxeño, etc. Unha “mesa” será para o terceiro ciclo de primaria, outra para o primeiro ciclo de secundaria e outra para o segundo ciclo de secundaria. Cada equipo terá no seu poder un plano do interior da muralla coas estacións marcadas, a modo de axuda pero non especificadas particularmente cada unha delas, pois para atopar a localización os concursantes terán que resolver unha proba a modo de adiviña.

Premios: Premiaranse tres equipos en cada categoría. Os premios consistirán nun lote de material escolar, entendendo como premio de equipo un lote para cada un dos alumnarrobas integrantes do equipo premiado. Número total de alumnarrobas premiadarrobas: 36

Competitividade: Aínda que se fala de competitividade non é, en principio, unha proba cuxo fin sexa a vitoria final, buscando a todas luces un equipo campión, pero o feito de que haxa puntuacións aumenta o grao de interese dos participantes á hora de resolver as probas.

Tempo: O comezo da recepción de participantes está previsto que sexa ás 9.30 horas da mañá. A hora de comezo prevista é as 10.30 horas, para que isto suceda todos os equipos deberán estar no punto de reunión inicial antes das 10.00 horas. Os 30 minutos de marxe utilizaranse para dar as normas da proba.

Participantes: Alumnos de 5º e 6º de Ensinanza Primaria, 1º, 2º, 3º e 4º de Ensinanza Secundaria. Profesores e monitores da organización.

Cálculo estimativo:
Mesas: 24
Alumnos/as: 384
Profesores/as: 48
Monitores/as: 82
Organización: 6
Total: 520 persoas

A maiores contamos coa participación de Protección Civil e da Policía Local

Actividades da tarde. Está previsto tamén asistir a unha actividade lúdico-matemática no Auditorio Gustavo Freire, será unha sesión de matemáticas divertidas, a cargo de Manuel Pazos Crespo, que se desenvolverá de 17.00 a 19.00 horas.

Acto de Clausura. Ás 19.00 horas aproximadamente esperamos que sexa a entrega de premios e a clausura do Certame para rematar aproximadamente as 20.00 horas.
Está confirmada a colaboración da Escola de Formación do Profesorado de Lugo




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova