Imprimir

O ALCALDE DE LUGO INSTA Ó PRESIDENTE DA XUNTA A OCUPARSE DOS 200.000 PARADOS DE GALICIA E A NON DIFUNDIR MENTIRAS SOBRE AS CONTAS DO CONCELLO


9/5/2011 López Orozco recoméndalle a Feijóo que se informe no Consello de Contas para comprobar que a situación económica do Concello de Lugo está máis saneada que nunca

O Alcalde dille a Feijóo que deixe de intentar ser o Alcalde de Galicia e pregúntase qué está a facer o Presidente da Xunta polo paro na nosa Comunidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, reclamoulle hoxe ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se ocupe das contas do Goberno Galego, “que é a súa obriga” e a deixar de “intentar ser o Alcalde de Galicia”.

“Qué está a facer o señor Presidente da Xunta polo paro en Galicia, polos 200.000 homes e mulleres que necesitan da súa preocupación?” preguntouse o Alcalde e instouno a que “por favor goberne Galicia, porque dos outros temas xa nos ocupamos nós, e, no caso do Concello de Lugo, facémolo sobradamente”.

“Nalgúns momentos sinto vergoña polo que está a facer o Presidente da Xunta”, dixo López Orozco, quen lle recomendou a Núñez Feijóo que “se informe ben, que pregunte no Consello de Contas e comprobará que o Concello de Lugo ten unha situación económica saneada, unha débeda moito menor que outros Concellos e inferior a que tiña cando eu cheguei á Alcaldía”.

Tamén destacou o Alcalde que “nunca o Concello de Lugo tivo tan boa situación económica e fomos quen de ocuparnos dos investimentos ó tempo que alixeiramos a débeda”

Para López Orozco “parece mentira que o señor Presidente da Xunta teña tan mala información, a que lle dá o seu delegado no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira” e dixo que “o Presidente da Xunta minte porque lle mentiron e por iso dí os disparates que dí, o que debe facer é debe informarse ben”.

O Alcalde tamén manifestou que “o que tiña que traer hoxe a Lugo o Presidente da Xunta son propostas en positivo, dicir como vai cooperar coas escolas infantís ou como vai alixeirar a súa administración e pasarnos ós concellos máis cartos para competencias que non nos son propias e que estamos a exercer”.