Imprimir

A DEPUTACIÓN INICIOU AS OBRAS NO HOTEL MIÑO PARA O TRASLADO DA UNED QUE PROPUXO O ALCALDE DE LUGO


9/5/2011 O organismo provincial comezou este luns os traballos de demolición do bloque 2 que rematará en 15 días, quedando un espazo de 1.900 m2 para a construción do aparcadoiro

Cumprindo o calendario fixado, este venres arrancará o proceso de contratación das obras de adaptación do bloque 1 para inicialas en xuño

Coa proposta do Alcalde lucense e os traballos da Deputación, a UNED de Lugo será o centro de 1º nivel do noroeste de España, destacando entre os de Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca


A Deputación iniciou as obras no Hotel Miño para o traslado da sede oficial da Universidade Nacional de Educación a Distancia en Lugo. O organismo provincial comezou este luns os traballos de demolición do bloque 2 -dotados de 89.000 euros- que rematará en 15 días, quedando un espazo de 1.900 metros cadrados para afincar o aparcadoiro. É un dos servizos considerado fundamental no plan de necesidades fixados pola UNED, que terá un total de 92 prazas a disposición dos estudantes, traballadores do Arquivo Provincial, Axencia de Enerxía e brigadas de mantemento da Deputación que se localizarán no bloque 3.

Este venres o organismo provincial arrancará o proceso de contratación das obras de adaptación do bloque 1 para, cumprindo o calendario fixado por Deputación e UNED, inicialas no mes de xuño. Tal e como avanzou o Presidente da institución -José Ramón Gómez Besteiro- o anteproxecto destas actuacións está listo polo que, tamén este venres, se aprobará na Xunta de Goberno provincial.

Con estes traballos -financiados ó 100% pola Deputación- e segundo manifestou o Director da UNED en Lugo -José Luís Prieto- a sede oficial da Universidade a Distancia en Lugo converterase no centro de 1º nivel do noroeste de España, destacando entre os de Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca. Será un edificio de 1.993 metros cadrados útiles, distribuídos en 4 prantas:

- Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.
-Na primeira pranta (536 m2) haberá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.
- Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.
- A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.

Orozco, promotor do proxecto

O Alcalde de Lugo e Vicepresidente do Padroado da UNED, José López Orozco, propuxo o traslado da universidade ó Hotel Miño. Gómez Besteiro apoiou a iniciativa debido as súas vantaxes: aforro dos 105.000 euros anuais que custa o aluguer da zona na Cámara de Comercio onde, na actualidade, se sitúa a UNED; maior espazo para acoller os máis de 1.500 alumnos que, segundo as previsións do Padroado, superarán en dous cursos os 2.000; cumprimento da obriga de adaptación do centro ó novo marco europeo; contribución á permanencia da sede, é dicir, consolidación da existencia da UNED en Lugo; e, xunto co Plan Director do Río Miño de Deputación e Concello de Lugo, posta en valor da zona.

Hotel Miño

O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións nas que non se presentaron ofertas. Finalmente, ante a petición da Asociación Provincial da Hostalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Agora, Deputación e Concello de Lugo dan a este patrimonio público unha finalidade pública.