Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e a Deputación iniciarán a vindeira semana a construción da zona de baño do Miño


# Luns, 09/05/2011
O Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente estiveron cos técnicos municipais e provinciais no espazo no que se situará a infraestrutura para proceder ó replanteo dos terreos

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
As dúas administracións están a traballar coa máxima celeridade para que a praia fluvial funcione antes do verán sempre e cando a Xunta conceda os permisos para abrila ó público

O Alcalde salientou que o Concello e a Deputación e Concello están a cumprir o compromiso de facer do río un lugar de lecer para os lucenses

A Deputación xa rematou a recuperación de máis de 32 quilómetros correspondentes ás tres rutas de sendeirismo existentes na cidade dentro do Plan Director do río Miño


Técnicos do Concello e da Deputación, acompañados polo Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, desprazáronse este luns ata os Robles para avanzar nos trámites de construción da zona de baño que se situará nas inmediacións da área recreativa e que se inclúe dentro do Plan Director do río Miño, impulsado por ambas administracións para poñer en valor a ribeiras dos ríos Miño e Rato. Neste senso, hoxe iniciouse o replanteo dos terreos, o que permitirá comezar a vindeira semana os traballos necesarios para a construción da zona de baño, que incluirán a instalación dos 6 vestiarios e de dous parque infantís. O primeiro situarase nos Robles e, o segundo, nas inmediacións do Pazo de Feiras e Exposicións. Este último será cuberto e terá 21 metros de longo por 14 de ancho.

O Alcalde destacou que o inicio desta actuación supón “o cumprimento do compromiso que adquirimos para os lucenses poidamos gozar máis do río, que é un dos grandes atractivos cos que conta Lugo” e sinalou que as obras faranse “sendo moi coidadosos co río e co seu entorno natural”.

López Orozco explicou que xa están feitos todos os trámites para que Lugo conte este verán cunha zona de baño no río. “Esperemos que a Xunta nos conceda no menor tempo posible o permiso que lle solicitamos o pasado 14 de abril”, dixo o Alcalde.

Tamén destacou que o proxecto da zona de baño enmárcase no Plan Director do Miño que levan a cabo o Concello de Lugo e a Deputación para integrar o río na vida diaria dos veciños. Neste sentido, o Alcalde salientou que hoxe mesmo comezaron os traballos de demolición do vello chalet do hotel Miño co que a nova sede da UNED disporá de máis espazo exterior e sinalou que o traslado ás instalacións do hotel Miño facilitará a consolidación da UNED en Lugo e permitiralle ampliar a súa oferta de titulacións.

Trámites

A entidade local e o organismo provincial están a traballar coa máxima celeridade para que a praia fluvial esté en funcionamento antes do verán. Para iso, é necesario que a Xunta de Galicia conceda o permiso necesario que acredita que a zona é apta para o baño. A día de hoxe e malia que a solicitude enviouse o pasado 14 de abril, a administración autonómica aínda non emitiu ningún tipo de resposta. Pola contra, a Confederación Hidrográfica está actuando en tempo e forma, ó igual que a Deputación, quen aprobou o pasado venres a adxudicación da infraestrutura que ten un orzamento total de 500.000 euros.

Deste xeito, unha vez obtidos todos os permisos, Deputación e Concello procederán á instalación do pantalán. A zona de baño disporá de dous aparcadoiros flotantes: un de 24 metros de longo por 10,5 de ancho para adultos coa profundidade do río e outro cunha profundidade de 0,50 para nenos.

Remate sinalización rutas de sendeirismo

O Plan Director do río Miño ofrece ata unha trintena de posibilidades de ocio no río Miño ó seu paso polo municipio lucense, entroncando os de Outeiro de Rei e O Corgo. O organismo provincial, quen inviste no desenvolvemento desta iniciativa preto de 1 millón de euros, xa rematou os traballos de desbroce e sinalización que permitiron recuperar na súa totalidade 32,5 quilómetros correspondentes ás tres rutas de sendeirismo existentes na cidade: Piago-Ombreiro, Lugo-Fervenza e río Rato.
A recuperación incluíu traballos de sinalización e balizamento, desbroce e limpeza do terreo. Con todo, nalgún caso, como na ruta de Lugo ó Piago, que estaba pouco practicable, acondicionouse na súa totalidade.

Así mesmo, continúa coas obras do Complexo Multidisplicinar do río Miño. Neste caso, xa foi rehabilitado o edificio número 2 polos 10 traballadores do Servizo de Mantemento que se instalarán nestas dependencias, así como o Arquivo Provincial, no que dentro dunha semana comezarán a traballar as 14 persoas que atoparon traballo co programa Lugo Emprega e se encargarán das labores de dixitalización e documentación.

Aproveitando este contorno privilexiado e logo de que a Xunta de Galicia non aceptase o ofrecemento para transformalo na Escola de hostalería, tal e como demandaba a Asociación Provincial de Turismo, este complexo tamén estará vinculado ás Reservas da Biosfera e ó aforro de enerxía. Deste xeito, acollerá os órganos destes espazos naturais cuxo regulamento se aprobou o pasado mes de xaneiro, e a Axencia Provincial da Enerxía, hoxe case sen espacio no INLUDES e no que xa están a traballar 4 persoas. O Ministerio de Medio Ambiente achegará 250.000 euros para financialo, dous terzos do total, grazas a un novo programa de economía medioambiental que vén de conseguir a Deputación. Para a rehabilitación do novo edificio, aplicaranse diversas medidas de aforro como placas solares fotovoltaicas.

Outras posibilidades do río
Ademais das actuacións anteriores que se suman as que executa directamente o Concello dentro do Plan Director, a Deputación tamén repite este ano o programa “Lugoteando”, que por primeira vez se estende á Mariña e á Montaña. Precisamente, esta fin de semana desenvolvéronse as actividades lúdico-medioambientais incluídas nesta iniciativa nos municipios de Becerreá e Fonsagrada, nas que participaron preto de 170 rapaces. O día 14 comezarán as da cidade.

Ademais, na zona do Rato, o organismo provincial instalará 100 puntos de luz de baixo e con mínimo impacto paisaxístico e dinamizará os centros de aves e de cestaría, que xestiona directamente, ademais de ampliar os hortos ecolóxicos do Rato.




Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova